Os establecementos de hostalería participantes no X Concurso Quiroga de Tapas son: Adega da María, Bar O Portón, Cafetería A Botica, A Taberna, O Rego Gastrobar, Bar Chapakuña3, Bar Matrioshka, Mesón Ferreiriño e Mesón Escaleira.
Cada establecemento participante presentará unha única tapa, elaborada con ingredientes de libre elección. A tapa presentada a concurso deberá estar anunciada, exposta de forma destacada, e a disposición do público consumidor nun número suficiente e razoable de unidades ou porcións, entre as 12:00 e as 14:30 h. pola mañá e entre as 19:00 e as 22:30 h. en horario de noite. O premio para o establecemento gañador será un diploma e 100 euros.
O prezo da tapa é de 1’50 € e serán os propios consumidores os que decidan coa súa votación cal é a tapa gañadora. O procedemento xa coñecido de edicións anteriores consiste en cubrir un tapacartón co selo de todos os establecementos que concursan, este distintivo poñerase cada vez que o cliente deguste a tapa concursante.
Cando o cliente complete a degustación de todas as tapas presentadas a concurso en todos os establecementos participantes, poderá votar a súa tapa favorita utilizando o mesmo tapacartón e introducíndoo nas urnas oficiais do concurso coas que contarán todos os establecementos participantes. No tapacartón deberase poñer o nome da tapa que se elixe como gañadora e os datos da persoa participante, pois dese xeito entrará nun sorteo.
O concurso de tapas alongarase ata o 16 de abril pero o día 10 non haberá por ser día de Feira e decidilo así a comisión organizadora a petición dos hostaleiros.
PREMIOS
Como dixemos, o premio para o establecemento da ‘tapa gañadora’ consiste nun diploma e un importe de 100 euros, e os premios para os consumidores participantes van desde os 300 € en metálico ata cestas con produtos típicos da zona, pasando por comidas ou ceas para dúas persoas en distintos establecementos locais e da Ribeira Sacra, a estancia nunha hospedería ou un paseo a cabalo.