HomesociedadeQuiroga lembra o seu pasado romano con dúas festas

Quiroga lembra o seu pasado romano con dúas festas

O 20 de agosto celébrase en Margaride do Lor a ‘Festa do Ouro’ e no núcleo urbano de Quiroga o ‘Qui-Roma’.

Publicado o

- Advertisement -

Margaride de Lor, localidade de Quiroga que conserva vestixios romanos e  destaca polas súas coñecidas galerías dunha antiga mina de ouro, celebra este ano a súa X Festa do Ouro. Neste encontro co seu pasado romano, destaca a ambientación romana e castrexa e un programa de carácter festivo e cultural.

Despois do parón da pandemia, a Asociación de Veciños e Veciñas de Margaride retoma a celebración neste 2022 e convida a participar dunha completa xornada cultural que terá lugar o 20 de agosto.

PROGRAMA

Ás 11:00 h. haberá unha misa en latín, a continuación procederase a visitar  as adegas –nas galerías da antiga mina de ouro– acompañados de gaiteiros e xa ás 14:00 h. farase o xantar no campamento castrexo-romano.

Pola tarde, ás 18:00 h. haberá xogos entre castrexos e romanos nos que se poderá participar xogando á Chave e os máis pequenos realizarán unha actividade de aventura baixo o nome de “na busca do ouro”.

Ás 21:00 h. comezará a festa, ás 22:00 h. terá lugar a cea e a continuación está programada unha ‘Nox Terrorem’ con rituais celtas, ‘rumoris fabulam veri’ (lendas e fábulas) e queimada.

E como remate da xornada, a partir das 00:00 h. Verbena.

Programa ‘Festa do Ouro’ 2022

QUI-ROMA

Paralelamente, este mesmo día e no núcleo urbano de Quiroga, terá lugar outra celebración romana, neste caso cun carácter máis festivo e de entretemento. Trátase do Qui-Roma, un evento que chega este ano á súa VII edición e que vén de presentar un amplo programa de actividades para todos os públicos. O epicentro das mesmas será a Praza do Auditorio, onde o albergue municipal.

Pola mañá haberá unha ruta de cabalos, un mercado Qui-Romano na Praza do Auditorio e varios obradoiros para os máis pequenos. Tamén, en horario de mañá, ambientación musical no recinto con formacións tradicionais e charangas e demostración de ‘Fiado Tradicional’ con exposición de traballos no Museo Etnográfico de Quiroga.

Dous quirogueses caracterizados e gozando da festa / XdL

Ás 11:30 h. desfile romano pola Vía Rex –Rúa Real– a cargo da Guardia Lucus Equites, con remate exhibición ao rematar na Praza do Auditorio, e paseo en burros para nenos e nenas ás 12:30 h.

Pola tarde poderanse ver, como noutras edicións, os espectaculares bois de Mario Nogueira, e de 17:00 a 19:00 h. a cativada terá xogos con auga que coordinará Inés de Vaijapi.

Bois de Mario Nogueira. Foto: Fernando Berani

Seguindo a tarde, máis entretemento para público familiar coa escola de pequenos gladiadores Qui-Romanos, e un espectáculo circense no anfiteatro da Praza do Auditorio a cargo de Jano –ás 19:00 h.–.

Entrando na noite, ambientación e animación con batukada e desfile Qui-Romano ‘Arde-Loucos’ pola rúa Real de Quiroga no que tamén participarán os bois de Mario Nogueira.

Para a noite queda o espectáculo-recreación de loita de gladiadores contra castrexos –21:00 h.–, batukada e o concerto do grupo monfortino Malenne ás 23:00 h. Rematada a actuación deste grupo a festa continuará coa música dun DJ.

Gladiadores no anfiteatro da praza do Auditorio. Foto: Qui-Roma

ÚLTIMAS

Información ambiental para a veciñanza no Concello da Pobra do Brollón

O equipo de Axentes Ambientais, dependente da Consellería de Medio Rural, ofrece atención á...

Charla sobre a antiga bailía templaria de Canaval

A conferencia, a cargo de Almudena Bouzón Custodio, doutora en Historia Medieval pola USC, abordará...

IGV denuncia que “o campo galego véndese aos lobbies en Bruxelas”

IGV lamenta nun comunicado que moitos partidos estatais practican un duplo rexistro "para enganar...

O PP de Monforte volve reclamar máis seguridade no paso a nivel da Florida

Este paso a nivel volveuse poñer en funcionamento despois das obras na liña ferroviaria...