HomesociedadeInaugurado o 'Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana' de Ribas de...

Inaugurado o ‘Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana’ de Ribas de Sil

Este pasado sábado, 4 de xuño, tiña lugar no Xeocamping de Ribas de Sil o acto protocolario no que se daba por inaugurado este museo. Nace así un novo recurso divulgativo do patrimonio aurífero romano para o Xeoparque Montañas do Courel.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O acto de inauguración do CIMAR (Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana) tivo lugar ás 19:00 h. coa presenza de diferentes autoridades da Xunta, Deputación de Lugo e os tres concellos que conforman o Xeoparque Montañas do Courel: Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil. O tenente de Alcalde do concello anfitrión, Roberto Castro, presentou e guiou o acto no que interviñeron tamén as representantes da Xunta e da Deputación de Lugo antes do protocolario destape da placa que dá por inaugurado o devandito museo.

O tenente de Alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, puxo en antecedentes a idea e o proceso de impulso do proxecto, trasladou agradecementos a todas e todos as/os que dalgún xeito contribuíron a facer posible a creación deste novo recurso museístico para o Xeoparque e tamén lembrou o apoio económico das diferentes administracións. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, sinalou que “este conxunto é unha proposta diferente que permite impulsar un turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que dinamiza a economía e o emprego, sobre todo no rural”.

Placa descriptiva do CIMAR / XdL

O Centro de Interpretación da Minaría Aurífera de Ribas de Sil converterase nun referente de xeoloxía mineira neste territorio recoñecido como Xeoparque Mundial Montañas do Courel, e vén a sumarse ás propostas museísticas dos concellos de Folgoso do Courel –Centro de Interpretación das Covas de Meiraos– e de Quiroga –Museo Xeolóxico e Museo Etnográfico– respectivamente. Sobre a creación deste museo deu máis detalles o tenente de Alcalde e Presidente do Xeoparque Montañas do Courel, Roberto Castro, nunha recente entrevista a Xornal de Lemos.

Roberto Castro sinalou tamén que o CIMAR estará xestionado por persoal do Concello mentres non se proceda á súa adxudicación. Neste senso subliñou que serán moi esixentes coa empresa concesionaria e pediránlle impliación total co Xeoparque.

Despois da presentación procedeuse a facer unha visita guiada polas instalacións do edificio, da man do arqueólogo Iván Merayo. Consta de pranta baixa e un andar: a pranta baixa está dividida en tres salas con diferentes paneis e maquetas, ademais da recepción e os baños; e no primeiro andar atópase unha sala de audiovisuais e un espazo que serve para realizar actividades divulgativas.

Iván Merayo explicando o contido das diferentes salas do CIMAR / XdL

A inauguración coincidiu coa celebración da Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite que se celebra esta fin de semana na localidade.

ÚLTIMAS

Doc Magoo’s: 25 anos de Rock and Roll

A banda de rocanrol Doc Magoo's percorreu un longo camiño desde os seus inicios...

Este 7 de xullo péchase a zona de xogos do Parque da Compañía

A primeira hora da mañá deste luns, 7 de xullo, procederase á realización de...

A campaña ‘Merca no teu comercio’ chega á Comarca de Quiroga

'Merca no teu comercio' chega aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso...

Extinguido o incendio de Monforte que afectou a Seoane e San Xiao de Tor

A Consellería do Medio Rural deu por extinguido un incendio no municipio de Monforte...