HomeComarca de SarriaTriacastela, o berce do Paleolítico galego

Triacastela, o berce do Paleolítico galego

O Consello da xunta declarou BIC a famosa Cova Eirós, na que hai restos desde o Paleolítico ata a época Medieval.

Publicado o

- Advertisement -

O Consello da Xunta deu luz verde ao decreto polo que se declara ben de interese cultural (BIC), na categoría de protección de xacemento arqueolóxico, a Cova de Eirós, no termo municipal de Triacastela (Lugo), polo que queda acreditado o seu valor singular.

O Goberno galego lembrou que o expediente foi incoado en abril de 2017 e, no proceso, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) emitiron informes favorables a esta declaración.

Así mesmo, do oito alegacións recibidas durante o prazo de exposición pública foron estimadas parcialmente sete delas, o que supón un 87,5% de aceptación. Isto permitiu que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural establecese que a categoría apropiada para este ben fose a de xacemento arqueolóxico en lugar de monumento, tal e como propuña o expediente inicial.

As campañas arqueolóxicas realizadas co apoio da Xunta nesta cavidade durante os anos 1993 e no período 2008-2016 descubriron restos de ósos das cavernas e ocupacións paleolíticas que abarcan desde o Paleolítico medio ata os momentos finais do Paleolítico superior e indicios de presenza dunha serie de motivos gravados nas paredes da Gran Sala e nunha das galerías do interior da cavidade.

Destes achados, a Xunta destacou que se deduce o excepcional valor científico e patrimonial da Cova de Eirós, ao aglutinar un xacemento paleontológico de gran interese no fondo do a cova cun xacemento arqueolóxico cunha dilatada secuencia de ocupación.

Vova de Eirós / caminofrances.org

Prehistoria de Galicia

Os resultados acadados nas campañas arqueolóxicas destes últimos anos revelan a importancia deste xacemento para o estudo da Prehistoria de Galicia. Os estratos escavados conteñen vestixios que comezan coas últimas comunidades de neandertais e seguen cos grupos cazadores do Paleolítico superior, os primeiros agricultores do Neolítico e chegan ata as comunidades campesiñas de época Altomedieval.

As datacións absolutas confirman o grupo de neandertais ocupante de Cova Eirós como un dos últimos que habitaron no norte peninsular, xusto antes da chegada do Homo sapiens a este territorio. Este feito permite que os investigadores vaian delimitando cada vez mellor as causas da súa desaparición e valoren se foi froito dos cambios climáticos ou da nova competencia producida pola arribada da nova especie á rexión.

Por outra banda, o estudo das manifestacións rupestres e a arte moble de Cova Eirós permite achegármonos á esfera simbólica e ritual das culturas dos cazadores do Paleolítico superior. Os últimos traballos levaron a descubrir novos motivos e a afondar no estudo das súas características técnicas e estilísticas mediante a aplicación de novas técnicas, como pode ser a fotogrametría. Ao mesmo tempo, a análise e datación por carbono 14 permite atribuír a unha boa parte destas manifestacións unha antigüidade de máis de 10.000 anos, xa cando habitaban as últimas sociedades de cazadores colleiteiros.

ÚLTIMAS

Moi bos datos de visitantes a Monforte segundo a información obtida das oficinas de atención turística

O Concello de Monforte vén de informar dos "excelentes datos de afluencia de visitantes"...

‘Provincia de Lugo. Mergúllate na maxia das súas augas’, campaña que leva a FITUR a Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo presentará a súa nova campaña de turismo, ‘Provincia de Lugo. Mergúllate na...

Xunta e Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra reforzarán a súa colaboración

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural,...

O Servizo de Educación e Apoio Familiar de Chantada refórzase cun psicólogo

O labor de acompañamento socioeducativo e asesoramento do SEAF chantadino refórzase agora con apoio...