A mostra “Galiza. Un pobo, unha selección”, organizada por Vía Galega coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ubícase no Chanto, a carón da piscina cuberta da localidade. Poderá visitarse ata o próximo 3 de marzo, sendo Sarria o primeiro dos destinos nos que se presentará nos vindeiros meses ao longo da provincia.
A exposición, que consta de 20 paneis insertados en estruturas metálicas deseñadas para exterior, repasa a historia do deporte galego, afondando na participación de deportistas galegos nos Xogos Olímpicos, na traxectoria das seleccións galegas e na mobilización social arredor do dereito de Galiza a participar con equipos propios en competicións internacionais.
“Galiza. Un pobo, unha selección” está estruturada en diferentes bloques temáticos. O primeiro deles, centrado no dereito a competir, repasa a loita a prol das seleccións deportivas galegas, o peso de Seareiros Galegos desde o seu nacemento nos 90 e a situación de Galiza no mundo deporte, sen representación, en contraposición co que sucede con outras nacións sen Estado que si compiten internacionalmente como Escocia ou Gales.
A selección galega de fútbol é a protagonista do segundo bloque temático, no que se repasa a súa traxectoria desde que disputara o primeiro partido, en 1922 en Vigo ata o día de hoxe, e no que se glosa os logros dos mellores equipos e xogadores do pais, desde o Balón de Ouro Luís Suárez ata Iago Aspas.
O fútbol gaélico tamén protagoniza un dos paneis expositivos, por ser o único deporte no que Galiza compite oficial e internacionalmente propia. Tamén contan con espazo na exposición outros deportes minoritarios nos que Galiza acumula exitos ecomo o squash, o boseo, o taekwondo, a loita libre, o tiro con arco ou o xadrez.
A mostra inclúe tamén un panel que repasa o desempeño de deportistas de Galiza nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, desde os Xogos de Amberes en 1920.
A muller e a súa loita pola igualdade tamén contan co seu propio bloque temático, con lendas do pasado como Irene Basanta ou Xulia Vaquero e representantes do presente como Raquel Carrera, Belén Toimil, Ana Peleteiro ou Julia Benedetti.
O triatlón, os deportes acuáticos ou o ciclismo contan tamén con cadanseu bloque temático. Os deportes tradicionais tamén teñen o seu espazo con paneis nos que se bota luz sobre disciplinas propias de Galiza como a bilarda, a chave, a loita galega ou os bolos celtas.
Por último, a exposición tamén afonda na calidade do deporte e deportistas de Lugo, nas disciplinas máis descoñecidas e minoritarias e no mundo do motor.
- Advertisement -