No local social de Buril, Concello de Sarria, actúan o sábado 17 de novembro, o grupo pontevedrés Malkeda, que presenta o seu segundo disco, e os monfortinos Black Vintage. Esta non é a única actuación que organiza a asociación Buril ACDE, xa que teñen outras tres datas confirmadas para os meses de novembro e decembro.

Para coñecer sobre esta actuación e as moitas outras actividades que realiza a asociación falamos co seu presidente, David Rodríguez.
Esta actuación englóbase dentro dalgún festival ou é unha actuación independente?
Esta é unha actuación independente. Durante todo o ano, o noso local está aberto para que diferentes grupos que queiran participar poidan dar un concerto.
Xa temos catro concertos programados para estes meses. O 17 de novembro actuarán a Malkeda + Black vintage, o 24 Tincho -presentando a sua xira cara B- o 1 de decembro teremos un concerto folk e o 8 de decembro o “festival punkis de aldea”.

Canto tempo tardan en preparar un evento coma este?
A produción empeza dous meses antes. Contactamos cos grupos para concretar a data e despois realizamos a cartelería e publicitámolo.
Cantos concertos adoitan realizar, como os organizan?

Por que lle puxeron este nome á asociación?
O local social chámase Buril ACDE, por que así se chamaba antes de que a asociación decidise alugalo e preferimos que seguise conservando o nome.
Canto tempo fai que se creou a asociación?
A asociación hai dous anos agora en novembro, pero o Buril como local social inaugurámolo o 30 de Abril do 2017.
Ademais desta actividade, organizan algunha máis? De que tipo?
Realizamos outras actividades como:
- Clases gratuítas de pandeireta todo os martes (excepto o último de cada mes).
- Tamén xogamos ao futbol gaélico mixto co que o ano pasado participamos na liga Gallaecia. Este ano, en cambio, non logramos formar equipo para toda a liga, aínda asi iremos a Taça Gallaecia e xogaremos a copa do rei Froilán III
- Organizamos unha charla e unha recollida de firmas xunto con ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) pola recuperación dos nosos montes autóctonos.
- Vemos documentais, xa sexa relacionados coa natureza, de contido social ou de calquera outro tema.
- Realizamos xuntanzas para degustar a comida autóctona dentro dos diferentes ciclos que facemos a nome da soberanía alimentaria galega

Cuantos membros forman a asociación? E socios?
Somos 5 membros na directiva, a maiores, seremos entre 10 e 15 socios e teremos aproximadamente 50 fans.
Pode pertencer a esta asociación calquera persoa? Como hai que facer para formar parte dela?
Esta asociación é un pouco diferente, na súa concepción, a outras asociacións. A condición de socio/a adquírese polos traballos realizados a favor da mesma, os socios son os que xestionan e manteñen viva a asociación co seu traballo diario. Tamén está a figura do fan que achegue un donativo económico á asociación, pode gozar das actividades pero non da xestión das mesmas.