HomeCulturaAntonio Reigosa presenta novidade literaria en Monforte

Antonio Reigosa presenta novidade literaria en Monforte

'O raposo aviador que voa sen motor' é o título da obra que presenta este escritor, acompañado da ilustradora Laura Cortés. Organiza a asociación aulABERTA e o acto ten lugar hoxe ás 20:00 h. no Salón de Actos do Centro do Viño da Ribeira Sacra.

Publicado o

- Advertisement -

Esta obra infantil conta a historia de Paquiño, o primeiro raposo que se fixo aviador e que foi, probablemente, o mellor de todos cantos houbo e haberá entre os que saben voar sen avión e sen motor. Despois de moito afociñar, aprendeu a tomar voo e a aterrar como os avións e os helicópteros. E tamén aprendeu a amarar, que é como se di cando se pousa no mar. Un día Paquiño quixo voar ata cruzar a liña do horizonte. E foi. E ben que o pasou!

Na presentación, o autor, Antonio Reigosa, estará acompañado da ilustradora, Laura Cortés e do mestre e escritor Fran Bouso, paisano do primeiro pero afincado dende anos na cidade do Cabe.

Antonio Reigosa (Autor/a)

Antonio Reigosa (Zoñán, Mondoñedo 1958) é escritor, investigador e divulgador da nosa cultura popular. Cronista oficial de Mondoñedo. Traballa como responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística Provincial de Lugo. Cofundador de Chaira, grupo de Investigación Etnográfica, ten participado en proxectos de investigación sobre literatura oral. Tamén é coautor, xunto con Xosé Miranda e Xoán Ramiro Cuba, do “Dicionario dos Seres Míticos Galegos” (Xerais 1998) e dos vinte volumes dos contos da colección Cabalo Buligán (Xerais 1998-2003) recollidos da tradición oral. Así mesmo, é coautor dos volumes “Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral galega” (Xerais 2001), “Pequena mitoloxía de Galicia” (Xerais 2001), “Cando os animais falaban” (Xerais 2002), “Arrepíos e outros medos” (Xerais 2004) e “Antoloxía do conto galego de tradición oral” (2002). Xunto coa ilustradora Noemí López, publicou os álbums “Guía ilustrada da Galicia invisible” (Xerais 2010) e “Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal” (Xerais 2011). Como autor de literatura infantil publicou: “Memorias dun raposo” (Xerais 1998), novela, Premio Merlín; “Resalgario” (Xerais 2001), novela, Premio Raíña Lupa de literatura infantil 2000; “O galo avisado e o raposo trampulleiro” (Xerais 2003); “Bacoriño” (Xerais 2004); “O aprendiz de home do saco” (Xerais 2013) e “O raposo aviador que voa sen motor” (Xerais 2019). En 2014 preparou a edición de “Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías”, e xunto con Antonio García Teijeiro publicou “Lendo lendas, digo versos” (Xerais, 2015), Premio Gala do Libro Galego 2016 (Iniciativa Bibliográfica) e Lista de Honra do IBBY, 2018.

Laura Cortés (Ilustrador/a)

Laura Cortés (Laura Recarey Cortés) naceu en Chantada en 1982. É titulada en Deseño Gráfico pola EASD Pablo Picasso da Coruña (2008) e ilustradora autodidacta, con formación en pintura realista cos artistas Xavier Muíños Ínsua e Jaime Valero Perandones. Dende 2011 leva a cabo ilustración e gráfica de proxectos educativos con difusión escolar para empresas da administración pública a través de axencias de comunicación (sector cultura, educación medioambiental, fomento do galego…), e libro de texto editorial.«O raposo aviador que voa sen motor» (Xerais 2019), de Antonio Reigosa, é o seu primeiro libro infantil ilustrado.

ÚLTIMAS

Veciñanza Fronte o Odio promove un encontro este xoves, 15 de outubro, no centro cívico de Monforte

O colectivo Veciñanza Fronte o Odio organiza este xoves, 15 de outubro, unha palestra...

Do 14 ao 30 de outubro está aberta a convocatoria de axudas para o transporte do alumnado de Monforte que estuda fóra

Poderá optar a estas axudas: Alumnado de ensinanzas universitarias adaptadas ao Espazo Europeo de Educación...

Este venres, 16 de outubro, comeza unha nova tempada do “cineclube Ateneo” de Monforte

Este proxecto de cineclub, organizado polo equipo do Ateneo Casino, baixo a coodinación do...

Diego Vallina sobre o  pan de Siós: “cando chego ao Gadis case mo quitan das mans”

Cada día quedan menos panaderías como as de antes, que cozan en fornos de...