Os días 7, 8 e 9 de xuño o Concello do Páramo está a celebrar a edición número 43 das súas tradicionais Feiras e Festas de Primavera. Durante toda a fin de semana, o campo da feira de Vilarmosteiro acollera exposicións de maquinaria agrícola, artesanía e pintura e obradoiros de cestería.
O venres o evento foi inaugurado polo Deputado en funcións pola Comarca de Sarria, Pablo Rivera Capón, o Alcalde do Páramo en funcións, Gumersindo Antonio Rodríguez Liz, e membros da Asociación de Amigos do Campo da Feira. O acto estivo amenizado polo grupo de acordeóns O Folión e, xa pola noite, Luar na Lubre púxolle o broche final a un día cargado de actividades.
Un dos atractivos da cita é a Feira de Gando, que terá lugar o sábado. Trátase dun certame organizado coa colaboración de ACRUGA e constará dunha mostra, un concurso e un desfile de Rubia Galega.
O prato forte da feira, sen dúbida, é a Feira Cabalar do domingo. Contará co espectáculo de doma Magos de la Equitación a cargo da escola El Centauro, de Valladolid. O festexo será pechado ás sete e media da tarde cunha verbena.