A Casa da Música de Chantada vén de clausurar un dos seus mellores cursos. A falta da actuación dos alumnos de ballet e danza moderna o próximo sábado 15, os alumnos das especialidades que se imparten neste lugar foron demostrando os coñecementos adquiridos nos distintos concertos de fin de curso celebrados no Auditorio Municipal.
Pero esta asociación prepara xa o próximo ano, coa apertura do prazo de matriculación o pasado 4 de xuño. Aqueles que o desexen poderanse inscribir ata o 20 de xuño nas oficinas da Casa da Música os martes e os xoves en horario de 18:00 a 20:00. Falamos con Manuel Sánchez, director da Casa da Música, para coñecer máis de preto a actividade desta institución.
En xeral, que valoración fai dos concertos de fin de curso a nivel de participación?
A resposta dos alumnos, coma sempre, foi moi satisfactoria. Adoita participar o 90% do alumnado, e o resto normalmente non o fai por causa de forza maior. En xeral o fin de curso foi un éxito, xa que os rapaces traballan moi ben e nótase que desfrutan coa música, que é o máis importante.
Este ano houbo máis concertos na rúa e ao aire libre. Responde isto ao obxectivo de dar a coñecer a actividade da escola?
Si, pero ademais de dar a coñecer o traballo de alumnos e profesores, sobre todo queremos que a xente coñeza os instrumentos. A nosa intención é a de levar a música ás rúas, sacala do edificio e achegala ás persoas para que se familiaricen máis con ela.
Tamén tivo moito éxito a Banda Infantil. Cales son as súas perspectivas?
A Banda Infantil arrancou no 2013 e este curso chegamos a un punto no que os rapaces acadaron un altísimo nivel, tanto a nivel instrumental coma colectivo. Ademais, chegamos aos 33 membros, unha participación moi importante. Ao final, o noso obxectivo é o de formar unha canteira para formar aos rapaces e que poidan acabar sendo parte da Banda de Música de Chantada.
Dende a Casa da Música teñen pensado organizar algunha actividade para os meses de verán?
Falouse de planificar algo que poida ser de proveito para o conxunto da Vila, pero é un tema complexo pola cantidade de campamentos e actividades para cativos que se celebran en Chantada. Si que nos gustaría que os rapaces non se desconectasen da música durante estes meses, así que teremos que buscar un oco no calendario.
Cales son as novidades de cara ao próximo curso?
Para o ano que vén a nosa prioridade é manter toda a programación, dentro das dificultades coas que nos atopamos. Con todo, dependendo da demanda introduciremos unha especialidade de corda, que incluiría violín, viola, contrabaixo e violonchelo. Tamén temos un obxectivo prioritario: a creación de novos coxuntos dentro da escola. O próximo curso formaremos unha agrupación tradicional de gaitas e unha charanga integrada por alumnos de vento e percusión. Estes únense aos combos que xa existían, coma os grupos de rock e folk, o grupo de batukada e os ensembles de clarinetes e saxofóns.
Unha semana despois do inicio do prazo de inscripción para o curso que vén, hai xa materias coas matrículas completas?
A verdade é que piano e percusión están rozando o completo, pero aínda quedan algunhas prazas. Con todo, aproximadamente o 60% das materias enchen o cupo de matriculacións e acaban con lista de espera. O ano pasado, por exemplo, chegamos ás 480 matrículas.
Cales adoitan ser as materias con máis éxito?
Piano, a percusión, guitarra, saxofón, ballet, pandeireta e gaita acostuman a pechar a matrícula moi cedo. Con todo, o modelo da Casa da Música fai que moita xente que nun principio estaba interesada nunha especialidade en concreto, ao final acabe probando outras coas que se foi familiarizando.
Como animaría á xente a matricularse nalgunha das especialidades e cursos que oferta a Casa da Música de Chantada?
Sobre todo, eu diríalles que a música é unha arte que non entende nin de idade nin de xénero. É unha actividade cultural aberta a todo o mundo, feita para desfrutar. Se aínda así algunha persoa ten dúbidas, poden vir á Casa da Música os martes e os xoves de 18:00 a 20:00, alí estamos para responder calquera pregunta e animalos a que se inicien na música.