Chegadas estas datas de verán, o lugar habitado por 4 veciños durante o ano empeza a aumentar poboación; nesta fin de semana polas festas na honra á Madalena e en adiante pola chegada dos veciños de tempada ou veraneantes.
Tras moitos anos sen facer ningún tipo de celebración, a Asociación Sociocultural Boca do Monte decidiu, alá polo ano 2010, en colaboración cos veciños/as recuperar a Festa da Madalena e outras tradicións desta aldea como o “xogo de bolos”, unha afección que gozou de moito éxito noutros tempos con partidas cada domingo nas que incluso se xogaban cartos -comentan os máis vellos do lugar-.
E dende ese ano por estas datas Os Anguieiros fai que a celebración da Madalena non quede só nunha misa na honra á Santa María Madalena. Así, entre outras cousas, decidiuse facer un programa de actividades variadas que favorezan a convivencia, o respecto polas orixes, os valores da contorna e o interese por actividades culturais relacionadas coa literatura ou o teatro.
PROGRAMA
Como xa é costume, o sábado das festas organizan unha andaina pola contorna, será logo o 20 de xullo a coñecida como “Camiñada da Madalena“. Este ano a ruta pretende dar a coñecer dúas aldeas da contorna que pertencen ao concello veciño de Ribas de Sil. Trátase das aldeas de Casares e de Peites, ao outro lado dos ríos Sil e Bibei. Tamén se aproveitará a oportunidade para falar de minas romanas, con vestixios importantes na aldea de Peites.
Pola tarde, ás 18:00 h. haberá xogos infantís. Entre os xogos destacan a carreira de sacos, o tiro de corda, a chave e os bolos celtas. E xa á noitiña, ás 20:00 h. unha interesante presentación literaria, a novela “Os días felices de Benvido Seixas”. A obra está editada por Xerais e está sendo moi ben tratada polas críticas. O autor é Eduard Velasco, amigo de Anguieiros, amigo de Galicia, da retranca e da lingua galega. A Librería Celia de Quiroga terá exemplares para os/as que queiran aproveitar a ocasión e ter o exemplar asinado polo autor.
Rematado este acto terá lugar unha merenda popular aberta a veciños e asistentes e sobre as 22:00 h. Foliada tradicional co protagonismo do grupo quirogués OS PALLETAS.
O domingo 21 terá lugar, dende as 10.00 h., o VIII Campionato de Bolos Celtas. Oito anos recuperando este xogo popular de tanto arraigo na contorna. Un curioso e atractivo campionato no que cada vez participa máis xente -o ano anterior máis de 20 xogadores- e que ofrece este ano 5 premios para as mellores clasificadas e outros 5 premios para os mellores clasificados. Premios que ademais de ser enxebres poñen en valor produtos da contorna.
Ás 12.00 será a entrega de premios e a Ruada a cargo do Grupo de Gaitas Abertal. Ás 13.00 h. Misa, procesión e ao remate da mesma un aperitivo popular de confratenización con veciñ@s e asistentes. Haberá música e sorteo da rifa da festa cara as 14:00 h.