HomeCulturaXurxo Souto inaugura o ciclo "Cos pés na terraza" na Pobra do...

Xurxo Souto inaugura o ciclo “Cos pés na terraza” na Pobra do Brollón

O polifacético artista galego actuará o mércores 31 de xullo na terraza do restaurante O Fogón, en Cereixa, no que será o primeiro de cinco concertos que organiza o concello da Pobra do Brollón este verán.

Publicado o

- Advertisement -

Na Pobra do Brollón non paran de darlle á cabeza e veñen de presentar un programa de actividades culturais e de lecer moi amplo para todos os públicos.

Dentro dese programa, e pensando na ambientación musical, este mércores empeza “Cos pés na terraza”, un ciclo de concertos que terán como escenario as terrazas de diferentes establecementos de hostalería locais. Para inaugurar o mesmo estará nada máis e nada menos que Xurxo Souto e faráo na terraza do restaurante O Fogón de Cereixa ás 21:00 h.

O músico, escritor e dinamizador cultural en xeral, ofrecerá un espectáculo que mestura música e cancións con historias de mariñeiros galegos que foi recollendo ao longo da súa traxectoria artística durante varias décadas.

A continuación, dentro do mesmo ciclo e para apuntar na axenda de agosto, o día 7 estará O Leo i Arremecághona no Bar O pirata, o día 14 Xosé Constenla no Bar Avenida, o día 21 Pardo ambientará o Restaurante 1º de maio e pechará o artista local e compoñente do grupo Los Árboles, Ale González, o 28 na Cantina de Julia.

Segundo indica Ricardo Rodicio, concelleiro de Cultura da Pobra do Brollón “buscamos que os guímaros e guímaras gocen dun verán alternativo con cultura de calidade e para todos os públicos. Ademais, pensamos que a nosa oferta tamén pode atraer a público doutros concellos da contorna”.

Cartel ‘Cos pés na terraza’

Outras alternativas para o verán

Ademais deste ciclo musical, a oferta da Pobra do Brollón inclúe outras interesantes propostas relacionadas co cinema e a narración oral.

Na Área Recreativa de Samugueiros proxectaranse filmes como O Apóstolo –1 de agosto, a película gañadora dos Premios Goya, Campeones -día 8-, Pelegrinaxes -día 15-, Ralph rompe internet -22 de agosto- e The Way –día 29-.

Tamén dentro da disciplina do audiovisual está enmarcado o pase da curta documental “La Niña Bonita” que trata sobre as dificultades vitais dos refuxiados. O pase terá lugar o vindeiro 3 de agosto na Casa da Cultura Olga Novo ás 20:00 h. A entrada vale 2 euros e a recadación íntegra para a ONG Acnur.

E pensando nos máis pequenos e pequenas, unha interesante proposta narrativa, o espectáculo “Sen barreiras” da contadora Charo Pita. Será o vindeiro 5 de agosto ás 11:30 h. na Casa da Cultura.

O verán cultural completo ‘na Guimaralia’ está detallado na web do Concello da Pobra do Brollón.

ÚLTIMAS

Xanela, empresa de telecomunicacións de Chantada, superou os 16.000 clientes de fibra rural no 2025

A empresa de telecomunicacións Xanela, con sede en Chantada, vén de adiantar datos económicos...

O IES A Pinguela estrea Aula Tech Beauty despois do Nadal

As obras de adaptación dos espazos e a instalación do equipamento tecnolóxico previsto xa...

A Casa da Cultura de Chantada acolle a exposición dos traballos do Programa de Pintura

A Casa da Cultura de Chantada acolle ata o 12 de xaneiro de 2026...

Teatro en Monforte o 26 e 30 de decembro

O ciclo de citas teatrais comezou o día 23, con “Nadal en prácticas”, da...