HomeCulturaBarriga Verde, un espectáculo para o pobo e contra a opresión

Barriga Verde, un espectáculo para o pobo e contra a opresión

Barriga Verde é un personaxe de títere de cachaporra con moita tradición en Galicia. Larraitz Urruzola actualizouno e fíxoa muller, representando as opresións ás que están sometidas as mulleres e motrando simbólicamente maneiras de liberación, como tradicionalmente fixo Barriga Verde fronte a opresión e a autoridade.

Publicado o

- Advertisement -

Barriga Verde representouse o pasado día 3 en Sarria e recibiu, en redes sociais, críticas dalgún pai e nai que non o consideran un espectáculo adecuado para a infancia. Larraitz Urruzola e a Asociación Cultural Morreu o Demo para recuperación do Títere Tradicional Galego, entidade coprodutora da obra, insisten en que o espectáculo é para todos os públicos e afondan na tradición de Barriga Verde. Conversamos cunha das integrantes da directiva da asociación, Comba Campoi, que fixo unha tese na que analiza o papel de Barriga Verde como expresión das clases subalternas durante o franquismo.

Comba Campoi

Desde a asociación Morreu o Demo traballades na divulgación e promoción do títere tradicional galego. É Galicia terra de tradición titiriteira?

Toda Europa ten unha fonda tradición titiriteira e hai cultura de títeres. Portugal, Italia, Francia,… teñen tradición de títeres similares á nosa, pero están moito máis preservadas. Mantivéronse vivas e hoxe forman parte do patrimonio nacional. Hai museos, hai compañías oficiais de títeres pagadas polos estados, que financian este tipo de teatro que consideran que se debe manter vivo porque é unha forma de tradición, que ademais se repite nos diferentes países con variantes. A tradición de títeres é unha proba de que hai unha cultura común  europea.

En Galicia, Silven, foi a última compañía que nos anos 60 representaba Barriga Verde. Cando eles deixaron de facelo houbo un silencio, non se volveu representar a tiveron que pasar 30 anos para que unha nova xeración de titiriteiros profesionais decidira que había que recuperar esa tradición, ao considerar que era unha mágoa ter que estar facendo títeres, imitando outras culturas, cando nós temos unha tradición.

Unha tradición que nos leva a Barriga Verde. Quen é Barriga Verde?

Un personaxe de títere de cachaporra. Co nome Barriga Verde as primeiras referencias que temos del en Galicia son de comezos do século XX. Pero o personaxe xa existía antes con outros nomes. En Galicia terminou triunfando o nome de Barria Verde para chamarlle así a un personaxe que é como un antihéroe, non é valente nin guapo, é pillabán, algo tramposo,… O interesante do asunto é que seus adversarios son representantes da autoridade.

Da época de Franco, onde hai máis persoas que o lembran, os inimigos eran o cura, un policía, a garda civil, había un indiano retornado das américas que viña fachendoso,… Os contrincantes eran representantes do que a xente do pobo consideraba os que mandaban e aos que había que reverenciar cando iso non apetecía.

É un títere de luba, manipulado coas mans do propio titiriteiro, o que  lle permite agarrar un pau, a principal arma de Barriga Verde, a súa cachaporra. O feito de que Barriga Verde fose capaz de baterlle na cabeza ao indiano que viña fachendeando, á xente do público igual lle facía moita gracia, ou que lle deran na cabeza ao cura, institución bastante dura na época de Franco. Era una maneira de aliviar a situación de opresión que se estaba vivindo. Hai que entendelo como unha violencia simbólica, non real.

Co espectáculo de Larraitz, Barria Verde cambia?

Hoxe en día posiblemente non teña sentido bater contra os mesmos individuos de fai décadas, hai que pensar noutros símbolos que hoxe poden estarnos oprimindo.

Larraitz, colleu a Barriga Verde e fíxoa muller, representando con este espectáculo as opresións ás que estamos sometidas as mulleres e motrando maneiras, meramente simbólicas, de liberarnos diso. Cando as vemos en escena, nun contexto teatral, puramente simbólico, supoñen unha satisfacción, ver como a muller se libera en determinadas situacións.

Cartel Barriga Verde en Sarria

Temos moitos titiriteiros en Galicia?

Temos bastantes tendo en conta o maltratados que están polas administracións que seguen considerando esta forma de teatro como unha forma de segunda, que seguen pensando que o teatro de títeres, marionetas ou obxectos é un teatro para nenos soamente, cando é unha forma de espectáculo dirixido históricamente a todas as idades e que utilizaron Lorca, Rafael Dieste ou Blanco Amor.

Se as artes escénicas pasan por un mal momento en Galicia, eu penso que os títeres aínda máis. Son  un gremio que consegue manter o humor, a pesar dos momentos duros.

Na asociación temos unha vintena de compañías, entre 20 e 30. Aglutinamos tanto a compañías de títeres como a persoas que investigamos sobre ese mundo desde a historia, desde a comunicación, desde a antropoloxía,… porque nos parece unha forma  interesante de expresión cultural do pobo.

Abarcamos desde a propia liña teatral, coas compañías que se encargan de facer espectáculos de Barriga Verde; desde a divulgación con varias publicacións, temos tamén unha exposición itinerante. O noso papel é manter vivo ese legado e seguir investigando, recoller testemuñas de persoas que lembran ver o espectáculo de Barriga Verde que se representaba en Galicia nas feiras e festas.

Durante o espectáculo de Barria Verde en Sarria, como respondeu o público?

O público respondeu moi ben, está funcionando moi ben. Nunca se dera un caso como este no espectáculo de Larraitz. A compañía Viravolta, si ten recibido comentarios  neste sentido. Cando se dan este tipo de situación fainos pensar en que hai que seguir co traballo de educación e divulgación para que se coñeza mellor esta tradición e se entenda que a violencia non é gratuita nin real, é unha violencia simbólica. Para nada antieducativa, é favorable que as crianzas e os adultos vivan ese momento que entendemos como forma de catarse colectiva nun espectáculo feito para o pobo.

Os nenos non teñen ningún problema, o problema xeralmente téñeno os pais. Tristemente vemos que alguns pais e nais teñen problemas para aceptar este espectáculo e probablemenete non teñan problema en permitir que os seus fillos vexan determinados debuxos ou utilicen determinados videoxogos de contidos que si considero que son problemáticos, con violencia explícita e de balde.

Como cambiamos iso?

O que ven o nenos non depende de nós, en canto a Barriga Verde, para que o público o entenda, ten que haber moitas representacións de Barriga Verde e que a xente o coñeza, porque o principal problema é a falta de coñecemento desta tradición teatral. Hai que seguir coa labor pedagóxica e antes de cada representación podíase facer unha pequena explicación de quen era Barriga Verde e por que o espectáculo é así. En xeral temos o reto por diante de seguir traballando en prol do espectáculo de títeres e dos titiriteiros, para darlle a categoría que se merece e eliminar a connotación pexorativa que algunas persoas lle dan aos títeres cando pensan en insultar a alguén chamándolle titiriteiro.

ÚLTIMAS

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...

Proxección de “La violencia invisible” e coloquio este 23 de novembro en Quiroga

Aproveitando a conmemoración do 25N, “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero”,...