InicioCultura“Actrices secundarias”, unha novela sobre o papel secundario das mulleres e a...

“Actrices secundarias”, unha novela sobre o papel secundario das mulleres e a complexidade emocional do retorno a Galicia

A súa autora, Clara do Roxo, presenta esta obra na Feira do Libro de Monforte o sábado 31 de agosto ás 13:00 h. Coñecemos algo máis da obra e da autora da man da soberina Moncha Prieto.

Publicado o

POR
Moncha Prieto
- Advertisement -

Clara do Roxo, nada en Caracas, é filla de emigrantes. Licenciada en Xeografía e Máster en Escritura e Narración Creativa conta con máis de 15 premios literarios no seu haber. É directora e profesora da Escola de Escrita Creativa en lingua galega Aliteraraclara dende 2013 e profesora de relato en El Portal del Escritor dende 2017, tarefas que compaxina co seu traballo no Departamento de administración da Conservación de Estradas do sur de Pontevedra.

Aproveitando a visita da autora ás terras de Lemos, a nosa colaboradora, Moncha Prieto, achéganos á súa vida e á súa obra nesta entrevista.

A novela foi finalista no premio Torrente Ballester de novela en lingua galega 2018, como viviches ese momento?

Presenteina ó premio Torrente Ballester sen moita convicción, porque é un premio ao que se presenta xente moi recoñecida e ten unha dotación económica importante. Cando souben que era finalista, para min xa foi como gañar o premio, saber que chegara ate o xurado e que gustara.

O mundo da emigración, que se reflicte nesta novela, tócache de preto?

Vivín ese mundo. Os meus pais emigraron a Venezuela nos anos 50. Logo vivín a súa volta, moi dura. Primeiro viñemos miña irmá mais eu, pequenas, logo a miña nai cun irmán que non coñeciamos, e despois meu pai. Cando buscaba documentación para a novela, fun á zona de Pontecaldelas, á Lama, á Insua, de alí saíran máis emigrantes para Brasil, onde situei a historia. Entón descubrín que había centos de familias como a miña.

Como foi a volta da emigración, ese drama que describes na novela?

Case foi peor a volta que a ida. Cando volveron o que atoparon aquí non tiña nada que ver co que deixaran. Nin o lugar, nin a xente. Eran estraños na súa propia terra. A terra que non os acubillaba porque non era a que eles idealizaran tan lonxe.

Pode ser considerada como unha obra feminista?

Evidentemente é unha obra feminista, pero con matices. Pretendo que quen le decida o seu grado de feminismo, o seu grado de rabia, de aceptación, con respecto ó libro. A narradora deixa premisas a quen vai ler. Eu mostro o que ocorría na vida das miñas actrices, como viviron esa vida baixo o pé dunha sociedade patriarcal. Mostro como cada unha delas aceptou ese “estar debaixo do machismo”. Cada unha acéptao dunha maneira diferente. Unhas por mor dun amor moi grande, outras para buscar paz, outras son máis combativas. So quixen mostrar. Non quixen facer do libro un manifesto feminista.

Os lectores din que a novela ten alma. Que opinas ao respecto?

Creo que a alma está na forma en que construín os personaxes. Mostro máis a súa emocionalidade, a súa forma de confrontar os problemas da vida, que a parte física. Foi un pequeno experimento e penso que saíu ben.

Cando empezou a túa vocación de escritora?

Empecei dende moi nova. O primeiro que escribín foi na viaxe de volta de Venezuela. Viña coa miña irmá. Viaxabamos soas, ao cargo dunha azafata. Eramos moi pequenas, arredor de nove anos. Escribín sobre a viaxe, contei o que vía e o que sentía. Enviei o escrito a un certame da Caixa de Aforros e tiven premio. A partir de aí escribín, pero só para min.

A partir do ano 2008 empeza unha carreira imparable de premios. Que foi o que te fixo “saír do armario”?

Unha historia de acoso laboral que escribín, máis que nada como terapia, nun taller literario. Saqueina á luz. Ese relato gañou un segundo premio. A partir de aí fixen máis talleres, prepareime máis, empecei a gañar premios. Cantos máis gañaba máis me animaba…así foi como saín do armario.

Portada da novela “Actrices secundarias”

Sinopse da obra

“Actrices secundarias” é a historia de un home e unha muller, coma tantos miles, que emigraron a América e formaron unha familia; na súa cabeza sempre estivo «volver», pero non sabían que o regreso sería máis duro que a marcha. É unha historia, como moitas das que se formaron alén mar, con segredos inconfesables… “cada familia asume as súas ilexitimidades e inmoralidades como pode”. Pero, sobre todo, é a historia de catro mulleres que asumiron cada unha dun xeito diferente o seu papel secundario, un chanzo ou varios debaixo do papel principal reservado só aos homes.

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...