HomeCultura"Seguimos na longa noite de pedra e por moito teléfono que teñas...

“Seguimos na longa noite de pedra e por moito teléfono que teñas de aí non saímos”, Antón Valcarce

Antón Valcarce, músico e escritor monfortino, presenta este sábado, 31 de agosto, ás 20.00 h. na XXII Feira do Libro de Monforte o seu último traballo, Soños de chicolate, editado por Agrasar.

Publicado o

- Advertisement -

O autor de relatos e obras de teatro como O que non che contaron de Monforte, De Nápoles a Monforte polo Inferno, Contáronme que che contara ou Dulcinea de Lemos atrévese nesta ocasión coa novela. Do Movemento Tabernario Lemavo ás librarías. Falamos co autor.

Soños de chicolate, a primeira novela de Antón Varcárce que nos mergulla en que mundo?

É unha noveliña curta, meu primeiro intento porque non leo novelas. Esta inspirada nas 5 fábricas que houbo en Monforte traballando á vez. Quería reflexar o esforzo dunha cidade pequena, que podería ser Monforte, aínda que non se especifica, por sobrevivir na “España vaciada”.

Son os esforzos por sobrevivir dun pobo a través do que ten, a industria autóctona, … Non deixa de ser unha quimera, un soño. Fábricas de chicolate.

Por que chicolate?

Chiculate, tamén podería ser. Eu tiña unha tía avoa e había un cura,… que Deus o teña na súa gloria, entre anxos, que lle chamaban chicolate.

Cal sería agora o chicolate de Monforte?

Monforte estaba chamada a ser a gran cidade do interior. En 1883 Monforte, 43.000 habitantes, Lugo e Ourense 11.900. Había 5 fábricas de chicolate, 30 fábricas de zapatos, tres curtidurías, duas cerámicas, un nudo ferriviario de medo e sempre foron a quitarnos,… E xa ves o que agora hai.

Aquí falo dun rapaz, Brais que é dun lugar parecido a este. E as novelas, é marabilloso escribir novelas,… Dáslles ti o fin, matas a quen queres, déitaste con quen queres e comes tamén o que queres,… Entón este rapaz, un triunfador nato, hai poucos, pero a min gustábame moito e fixen del un triunfador, e se el triunfa o seu pobo tamén.

Como te sentiches coa novela en comparación coa poesía, o teatro ou a música?

Aburriume, gústame máis o relato curto, aquí pensaba que ía ser máis doado. Houbo un momento no que non sabía pechala e tes que ter coidado que non se espalle moito, é o contrario dun relato curto. Creo que se está vendendo moi ben e que gusta, pero para min foi máis pesado que outras cousas.

Antón Valcarce / Xornal de Lemos

Entón non vas a escribir máis novelas?

Teño duas rematadas, unha é dun arreador, un afiador en barallete. Utilizo unhas 115 voces do barallete, unha fala que é preciosa.

É a historia dun rapaciño ao que lle morre o pai moi cedo, é o home da casa e ten que saír coa taranza, a máquina de afiar en barallete, e fai longos percorridos, na primeira viaxe chega ata o Bierzo. É unha historia por capítulos, igual é unha historia de aventuras e non me enterei aínda, de viaxes, non sabes?

Como comeza Antón Valcárce a ser artista?

Artista no sei se son, pero con 17 anos era da Sociedade de Autores en Madrid, cando había que ter 18 anos, ser español e acreditar obra. Eu non son nada humilde pero falaban do novo Mozart da música ibérica, española, pero perdinme polo camiño.

Que diferencias hai entre o Antón dagora e aquel?

Agora coido máis as mudas, a roupa interior, antes non. Quero dicir que me coido máis, pero cremas non me dou aínda.

Como ves a cultura agora en Galicia, con respecto á vida que ti viviches?

Teño un gran amigo que se chama Antón, Antón Valcarce, que dí que a ignorancia e o servilismo dun pobo é directamente proporcional ao número de campanarios por quilómetro cadrado e aquí hai dabondo, sobran. Aínda cheiramos a sotana apolillada. Seguimos na longa noite de pedra e por moito teléfono que teñas de aí non saímos.

E cal é a solución?

Non hai solución. Quizáis o lume, son dos que penso que Galicia ten que arder liturxicamente. Sería un símbolo de renacemento porque o renacemento aquí non chegou aínda.

Programación Feira do Libro de Monforte

ÚLTIMAS

‘Feira de Nadal’ para dinamizar o comercio local e a artesanía en Quiroga

O Equipo de Goberno do Concello de Quiroga organiza unha Feira de Nadal coa...

Queres ser paxe na Cabalgata dos Reis Magos de Chantada?

As prazas para participar son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os pais...

O PP de Monforte celebra o investimento anunciado para a rede de abastecemento e espera que “non quede en papel mollado”

Os populares aseguran que “temos claro que o alcalde se moveu grazas á nosa...

Primeira fin de semana do ‘Mercado de Nadal’ de Monforte

Este sábado 21 de decembro abrirá as súas portas o Mercado de Nadal do...