HomeCulturaO Meco da Ermida representa a Prisciliano?

O Meco da Ermida representa a Prisciliano?

Os días 8 e 9 de setembro esta figura ancestral, acompañado das Pampórnigas, será o centro de atención da romaría da Virxe dos Remedios na Ermida, no concello de Quiroga. Aproveitando que se achega este evento, Xosé Estévez, Historiador e profesor emérito da Universidade de Deusto, reflexiona sobre a hipótese de que 'O Meco' sexa a representación de Prisciliano.

Publicado o

POR
Xosé Estévez
- Advertisement -

Ouvín falar por primeira vez de Prisciliano como “herexe“ a D. Antonio García Conde, o vello e extraordinario profesor de Historia da Igrexa e Patrística, cando cursaba 2º de teoloxía no Seminario de Lugo. Era moi parcial de Oríxenes, un famoso teólogo oriental da Igrexa primitiva, que non goza coma os demais da proclamación oficial da santidade por mor de aplicar ao pé da letra na súa persoa a frase evanxélica: ”castravit propter regnum coelorum” por mor de eliminar dunha emposta as insidiosas tentacións da concupiscencia.

Case polas mesmas datas o grande bardo nacional galego, Manuel María, prestoume para ler o “Sempre en Galiza” de Castelao, quen menciona a Prisciliano en numerosas ocasións (pp. 35, 50-51, 228, 236, 376, 428). Nesta emblemática obra, Castelao afirmaba que o corpo de Santiago, que se atopa na catedral de Compostela, ben podía ser o de Prisciliano, teoría sostida por outros galeguistas como Manuel M. Murguía, Otero Pedrayo ou Vicente Risco.

Con posterioridade, o profesor Abilio Barbero de Aguilera, un excelente profesor de historia medieval na Universidade Complutense, que impartía aulas nunha cadeira de rodas por mor dunha doenza dexenerativa da que morrería en 1990, dedicou unha clase a Prisciliano. Eu era alumno de 3º de Filosofía e Letras no curso 1970-71 e fiquei abraiado. Achegueime a el ao rematar a clase e ao ver o meu interese polo persoeiro, agasalloume cun opúsculo da súa autoría titulado:”El Priscilianismo. ¿Herejía o movimiento social?”, publicada en 1963, que aínda conservo. A súa lectura foi para min unha labarada estremecida que iluminou a senlleira personalidade de Prisciliano.

Un dos cursos de doutoramento, que cursei a finais dos anos 70 baixo a dirección do bieito, Frei Xusto Pérez de Urbel, daquela abade do Val dos Caídos, titulábase “as herexías no baixo imperio romano”. Entre elas situaba Frei Xusto o Priscilianianismo ao que cualificaba coma un movemento perverso e unha herexía de carácter dogmático. Ao finalizar o curso era preceptivo realizar un traballo. Eu fíxeno encol do priscilianismo como movemento social, baseándome fundamentalmente no estudo de Abilio Barbero. A miña análise non lle gustou moito a Frei Xusto, que a considerou inapropiada e só me concedeu un simple aprobado.

Seguín lendo numerosos artigos e libros encol do tema e tiven a ousadía de escribir unha colaboración na Voz de Galicia, sección de Lemos: “¿E se Prisciliano repousa na Ermida? (11-xuño-2017), expoñendo a miña hipótese sobre a posibilidade da presenza de Prisciliano na Ermida ou dalgún dos seus discípulos.

“…unha agradable teima recorre a miña mente: a necesidade de escavar na igrexa da Ermida ou arredores para saber o arcano que esconde o seu subsolo”

Dende hai anos, co gallo da xubilación que dá moito tempo para pensar, xa que logo “a cabra co vicio dá co corno no cu”, como dicía a miña avoa Josefa, unha agradable teima recorre a miña mente: a necesidade de escavar na igrexa da Ermida ou arredores para saber o arcano que esconde o seu subsolo. O crismón amosa que é un lugar singular que pode dar moitas sorpresas interesantes. Teño para min que alí podería atoparse o corpo de Prisciliano ou parte del, sen descartar o dalgún dos discípulos que foron decapitados canda el en Treveris no ano 385, por exemplo, Felicísimo. Nesa época non é estraño que aparezan nas lápidas algunhas verbas relacionadas co nome do defunto, tal como aseveraban D. Nicandro Ares, bo profesor de Lóxica no Seminario de Lugo e perspicaz toponimista, ou a profesora Cristina Fernández. No crismón insírese a palabra “felicitate”.

O Meco acompañado das Pampórnigas na procesión na honra da Virxe dos Remedios. Foto: XMF

O ano pasado, 2018, o arqueólogo López Quiroga realizou prospeccións con xeorradar, que demostraron a existencia de importantes restos baixo o chan da igrexa e dos arredores, entre eles a dunha campá ou sartego relevante no interior, segundo me manifestou o crego da parroquia, D. Xesús Río, historiador competente e home inquedo polo quefacer cultural e pola verdade histórica. Esperamos con ansiedade que se leven a cabo as escavacións correspondentes para sacar a luz os secretos que garda ese lugar sacro e emblemático, para min o máis engaiolante do val.

Semella que o crismón ten un carácter nidiamente priscilianista como xa adiantara o profesor Palop en 1974 e máis recentemente o xesuíta francés, Gabriel Sánchez. Ao crismón podemos engadir outro elemento que confirmaría a simboloxía priscilianista, o Meco, persoeiro que sae nas festas da virxe do 8 de setembro na Ermida. Se ollamos con certa quietude, con actitude crítica, reflexiva e desapaixonada e con metodoloxía etnográfica, observariamos na persoa e no ritual do Meco unha simboloxía priscilianista, e non demoníaca como xeralmente lle atribúen moitos autores, entre eles Blanco Porto. O mesmo Pai Losada Prada, xesuíta natural de San Vitorio, profesor da Universidade de Salamanca e un grande filósofo do século XVIII, escribiu un entremés do borracho e atribúeselle outro, o do portugués, escrito en galego. Neste último cita un Meco, non sabemos se se refire ao da Ermida. Era un boneco que se queimaba o aforcaba en Galiza os mércores de cinza.

Dende logo o lugar da Ermida ten un engado especial, lendario e ancestral. A súa situación nun outeiro, un antigo castro dos moitos que enfeitizan a bisbarra, ateigada de vedraias minas de ouro romanas, domina unha bela panorámica do val e semella un vixía esculcante. Nel construíuse un templo e despois unha igrexa cristiá, un lugar de enterramento e posiblemente nos arredores -na praza de San Martiño ou no Hospital quizais- unha “vila” de explotación agraria na época do baixo imperio romano, un precedente dos señoríos feudais. Parece que Prisciliano, un home culto e rico, sería propietario dunha destas vilas. Na idade media apareceu unha imaxe da Virxe traída por un peregrino, pois o camiño de inverno, custodiado polos hospitalarios da Orde de San Xoán de Xerusalén ou cabaleiros de Malta, atravesaba o val, pertencente na meirande parte a unha súa encomenda, cuxa sede achábase no castelo dos Novais. A maioría dos encomendeiros soterrábanse na igrexa románica do hospital e algúns tamén na enxebre románica de Torbeo, onde acouga Vasco Pérez de Quiroga. No epitafio do seu sartego reza esta caritativa e fermosa lenda: ”Cabaleiro que a ninguén deixou morrer de fame”.

“A este persoeiro non se lle permite entrar na igrexa, non porque sexa o demo, senón porque representa a Prisciliano, que foi declarado herexe pola Igrexa oficial e esta ‘demonizouno’ co obxectivo de que a xente se arredase del e do seu culto”.

Debullemos un anaco a nosa hipótese encol das facianas que avogan pola simboloxía priscilianista do Meco. A este persoeiro non se lle permite entrar na igrexa, non porque sexa o demo, senón porque representa a Prisciliano, que foi declarado herexe pola Igrexa oficial e esta ‘demonizouno’ co obxectivo de que a xente se arredase del e do seu culto. Sabemos que despois de decapitalo en Tréveris o seu corpo foi traído polos seus partidarios probablemente a Gallaecia. O seu culto espallouse e durou moito tempo. Era considerado mártir e, por conseguinte, procurábase obter as súas reliquias. Canto máis tivera unha igrexa, maior categoría e máis devotos acudían a veneralas.

A fea máscara que cobre a faciana do Meco serviría para caricaturizar a pretendida ou real fermosura de Prisciliano, a quen os relatos da época describen como un persoeiro atraínte, carismático, bo orador, excelente retórico, fisicamente ben dotado e de face agraciada. A cor vermella da vestimenta é o símbolo do martirio que sufriu Prisciliano. O baile do Meco representaría o rituais litúrxicos priscilianistas, daquela mesturados con movementos e danzas, moi distantes do sedentarismo estático das cerimonias actuais.

“Ao Meco lánzanselle moedas, símbolo de riqueza, da que se deben arredar os fieis, pois só vale a propia felicidade, como aseguran as verbas do crismón”.

A figura do Meco coa característica vestimenta, a máscara e o pau de toxos. Foto: XMF

Ao Meco lánzanselle moedas, símbolo de riqueza, da que se deben arredar os fieis, pois só vale a propia felicidade, como aseguran as verbas do crismón. O lanzamento das moedas é un xeito de provocar a hilaridade cara ao Meco, que se abaixa a collelas, mentres os presentes lle petan na ‘molida’ do pescozo. Todo o rito revela una clara ridiculización de Prisciliano, que estaba en contra das riquezas e ten que abaixarse para collelas.

O Meco porta unha vasoira de toxo, que non serve só para arredar a xente e favorecer o paso da procesión, senón tamén para espantar a quen lle queira roubar as moedas do chan, un evidente símbolo da avaricia e cobiza. Unha aldea próxima chámase Santa Cubicia. Isto volve a incidir na ridiculización de Prisciliano por mor das riquezas. O toxo, en  moitos lugares de Galiza, como aseguraba no seu relato Frai Martín Sarmiento no século XVIII, poñíase nas esquinas das casas contra as bruxas, singularmente na véspera do 1 de maio. Non convén esquecer que Prisciliano foi decapitado baixo a acusación de bruxería e feiticería.

O 19 de xullo deste ano, ás 20:30 horas, na Casa de Cultura de Quiroga, o profesor Diego Piay Augusto, arqueólogo e profesor da Universidade de Uvieu (Oviedo), presentou o seu excelente libro:Prisciliano. Vida y muerte de un disidente en el amenecer del Imperio cristiano. É un grande especialista, pois non en van defendeu encol do tema a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago, cualificada coa máxima nota, ademais de coñecer a bisbarra, porque colaborou nas escavacións da Gándara na mesma Ermida.

O libro combina o esixible rigor académico e científico co afán divulgativo, a amenidade e a linguaxe necesarias para poñer ao alcance accesible do lector non experto en conceptos dabondo abstractos ou en feitos e persoeiros  pouco coñecidos. Ademais, o autor considera que Prisciliano non era “herexe”, é dicir, un negador dalgún dogma esencial da doutrina cristiá, senón un “disidente”, que non estaba de acordo cos comportamentos dalgúns membros da xerarquía oficial eclesiástica  O feito de ser unha personalidade carismática, capaz de arrastrar a moitos seareiros nunha época convulsa de fortes tensión e cambios, coincidente coa crise do Imperio romano a finais do século IV, consumou a súa persecución e condena a morte.

A súa exposición diáfana,amena, impecablemente desenvolta ilustrou moitas escuridades encol de Prisciliano e solucionou dúbidas e incógnitas que nos asoballan, aínda que debamos recoñecer humildemente que fican facianas dabondo sen aclarar, polo que é absolutamente necesario proseguir na nosa arela: a urxente realización das escavacións na Ermida. Coidamos que os achados, sexan cales sexan, doarían descubertas importantes. Suporían, ademais, un estímulo cultural, relixioso, social, turístico e económico, do que tan necesitado está este fermoso val para saír da decadencia demográfica na que se atopa mergullado.

ÚLTIMAS

Interesante axenda cultural e de lecer en San Clodio

O Concello de Ribas de Sil aproveita os meses de verán para ofrecer diferentes...

Como afecta ao tráfico a Subida de Chantada?

A celebración da proba automobilística supón modificacións no tráfico. Na vila de Chantada o...

O BNG de Monforte alerta de verquidos e morte de peixes no Río Cabe

Este venres varias persoas puxéronse en contacto cos responsables do BNG de Monforte para...

O Concello de Monforte destina 8.000€ para axudas a asociacións monfortinas que promoven servizos sociais

O Equipo de Goberno aprobou, na Xunta de Goberno celebrada o pasado 15 de...