InicioCulturaPoñendo en valor o 'patrimonio inmaterial' do Camiño de Inverno pola Ribeira...

Poñendo en valor o ‘patrimonio inmaterial’ do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra

Comezaron en Monforte unhas xornadas científicas para dar a coñecer lendas, contos e historias ao redor desta ruta xacobea que se transmitiron vía oral de xeración en xeración. No acto de inauguración estiveron Aida Menéndez, coordinadora das mesmas e presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, e José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, quen ensalzou a temática do seminario.

Publicado o

- Advertisement -

Na tarde deste 13 de setembro ás 19:00 h. tivo lugar a inauguración das XVI Xornadas Científicas do Camiño de Inverno O patrimonio inmaterial: lendas, contos, ditos, historias, cantigas… acto que tivo lugar no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos. A iniciativa da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra arrincou xa este venres e prolongarase ata o domingo cunha morea de debates, proxeccións e visitas culturais á contorna desta ruta xacobea.

Xunto a Aida Menéndez, presidenta da asociación organizadora, estaba José Tomé Roca. O titular do Goberno  provincial deulle a benvida ás máis de 80 persoas que participarán neste seminario, salientando que a afluencia é unha mostra do interese que esperta este tema na sociedade galega. Así mesmo, sinalou a importancia dos traballos que se promoven ao redor desta variante do Camiño e loou ao colectivo organizador, a asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, polo programa que propoñen nestas xornadas. “É un acerto poñer o foco neses aspectos tan identificadores dun lugar como poden ser as lendas, contos e todas aquelas historias que vai gardando unha área xeográfica co paso do tempo. Non podemos deixar que todo ese patrimonio oculto que se foi transmitido de forma oral de xeración en xeración quede esquecido”, sinalou.

Tomé Roca animou a todos aqueles colectivos que traballan para darlle pulo ao Camiño de Inverno para que sigan estudando e ofrecendo información deste itinerario, lembrando que a Ribeira Sacra ten moito que ofrecer ao camiñante que escolle este camiño para chegar a Santiago. Neste senso, aludiu ao importante traballo da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, pero tamén lembrou a importancia  “dos pioneiros que comezaron a traballar polo Camiño de Inverno”. A principios dos anos 90, hai 30 anos, destacou, “dous deputados da zona da Ribeira Sacra, como foron Margarita Rodríguez Otero e Ceferino Díaz, levaron ao Parlamento Galego unha Proposición Non de Lei que foi aprobada, na que xa reclamaban o recoñecemento desta ruta, á que naquel momento lle daban o nome de Camiño Sur a Santiago”.

Programación

As XVI Xornadas Científicas do Camiño de Inverno O patrimonio inmaterial: lendas, contos, ditos, historias, cantigas… arrincaron a continuación do acto oficial de benvida das autoridades cunha conferencia inaugural a cargo de Ana Goy Díaz, catedrática de historia da arte da Universidade de Santiago, baixo o título  “Á busca do valor universal excepcional da Ribeira Sacra”. Logo, seguiulle unha conferencia-concerto a cargo de Efraim Díaz, profesor da Escola Municipal de Música de Lugo sobre O pito pastoril galego.

Mañá, sábado, ademais de diferentes visitas guiadas ao Colexio Escolapios de Monforte, ao Mirador do Duque ou á Adega Regina Viarum, o ex conselleiro de Cultura, Víctor Vázquez Portomeñe, ofrecerá unha conferencia sobre O valor inmaterial dos camiño de Santiago.

O domingo tamén se presenta unha xornada ben completa. Ademais da oportunidade de facer un tramo do camiño de inverno desde Cereixa -A Pobra do Brollón- ata o Conxunto Monumental de San Vicente do Pino -Monforte- , avanzada a mañá terán lugar no Parador de Monforte: un intercambio de sabedoría popular ao redor do Camiño de Inverno, a conferencia de clausura a cargo de Nava Castro, Directora Xeral de Turismo, e un xantar de confraternidade. Pola tarde, como remate, visita guiada ao Pazo de Tor e recital a cargo do músico Xosé do Inicio,quen acompañado da súa zanfona abordará o tema O patrimonio inmaterial das regueiras.

O programa completo pode atoparse na páxina web da asociación organizadora.

ÚLTIMAS

RIOTORTO, EPICENTRO DA ARTESANÍA DO FERRO DE GALICIA

A XV Feira de Artesanía do Ferro foi presentada o pasado 18 de abril coa presenza...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...