InicioCultura“Facemos rock duro coma un penedo” Breogán Pereiro do grupo Arapa-Xoe

“Facemos rock duro coma un penedo” Breogán Pereiro do grupo Arapa-Xoe

"Entregueilles o disco con temas como Vou por leña, Paporrubio, Barbie Pulpeira ou Merda para Vox. Son temas divertidos e con caña, catalogados coma rock duro coma un penedo", afirma o guitarista e vocalista de Arapa-Xoe

Publicado o

- Advertisement -

Arapa-Xoe nacía como grupo de música fai 20 anos. Breogán Pereiro do concello do Incio foi o “armadanzas” deste proxecto que agora renace e faino da man do seu primeiro traballo en cd “Acabouse a sequía”, que esperan mover por concertos este ano. Conversamos co guitarrista e vocalista, Breogán Pereiro.

Arapa-Xoe, por que?

É a tradución da tribu dos arapajoe ao galego, e vén de que pintamos moito o indio.

20 anos xa de andaina, como foron os inicios?

Sempre me gustou a música, desde moi neno, sempre me quedaba así cos ollos moi grandes vendo un concerto, o rock an roll chiflábame moito, sempre me gustou. Vin a ACDC, Metallica e a todos os grupos que se poden ver. Unha prima miña de Ferrol regaloume un guitarra española e fun tocando na casa, nunca fun a clases, pero de mallar nela foron saíndo cousas.

No 2000 comezou o grupo, desde aquela tivemos moitos sube e baixa, un marchaba, outro tiña moza, a outro saíalle traballo noutro lado, outro quería viaxar,… No rural foi sempre moi complicado atopar músicos para facer este tipo de música. Para gaiteiradas si, é fácil atopar un graiteiro no Incio, pero para tocar rock duro é máis complicado. Tivemos paróns de 6 anos e agora, nos últimos meses, atópome motivado.

Neses 20 anos, que fixo Arapa-Xoe?

No 2006 tocamos no Penela Rock, no 2000 no Currelos Rock, no Terra Brava ao comezo, creo que xa fará 18 anos. E este disco, xa ves, 22 anos que levaban as cancións  na cabeza e xa era hora de que sairan. Non me saían as cousas como eu quería, saqueime estas cancións da cabeza e agora están saíndome temas moi potentes. Agora quero comezar a currar para ter unha primavera movidiña co disco.

Que ten que pasar para que naza un grupo de música rock no rural?

Esa é unha parte moi complicada, en principio ten que haber compromiso, ganas e amistade. Son pilares fundamentais para que unha cousa destas funcione, é unha maquinaria esencial. Nalgún momento víame incapaz de cantar, agora, sen embargo volvo ter todas as ganas do mundo. Topei con Kaoo de Sarria, que está traballando fóra, pero Xabier de Salcedo e máis eu xa estamos traballando os temas. Eu estou montando temas novos e quédanos poñer a maquinaria a andar outra vez.

Fai un mes que comezamos a falar. Aínda non chegamos a xuntarnos, pero temos moitas ganas. Entregueilles o disco con temas como Vou por leña, Paporrubio, Barbie Pulpeira ou Merda para Vox. Son temas divertidos e con caña, catalogados coma rock duro coma un penedo.

Arapa-Xoe

As letras son cousa túa?

As letras son cousa miña do día a día, cousas do país e en galego. Os ensaios farémolos na casa estudo de Xabier en Salcedo. Queremos cambiar cousas do disco porque foi grabado moi rápido. O disco como tarxeta de presentación está ben, pero gustaríame, con esta formación grabar este disco de novo e con 7 temas máis.

Que tal se vende o disco?

Fixemos 500 e fóronse vendendo. Está no Katanga en Monforte e na libraría e nos bares do Incio, pero algúns xa os estou regalando. O que queremos é que nos escoite a xente e que o día que saiamos tocar, se se saben as cancións mellor.

Á xente séguelle gustando o rock?

Quedamos poucos pero bos, sabes? Digo que está a xente moi abachatada ultimamente. No meu caso vexo que o tema está rexurdindo, porque moita xente non sabía que eu tocaba, non tiveran a sorte ou a desgraza de verme tocar.

O ideal agora para o funcionamento do grupo, que sería?

Verémonos todos en abril porque Kaoo está fóra, e Xabi e máis eu, teríamos que vernos un par de veces á semana. Porque quero poñer a máquina a andar rápido e avanzar o que poida co Xabi. Faime moita ilusión, necesitaba verme ben arroupado e en boa compaña. Hoxe teño un baixo e unha batería moi potentes. Queremos saír a romper.

Sodes 3 homes, non hai mulleres no rock?

Sí claro que si, pero por esta zona non. Na cidade supoño que haberá un montón, pero no rural, que che vou contar? buscar voz de home ou muller para estas cousas non é doado. Temos á Barbie Pulpeira.

Arapa-Xoe

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...