Esta actividade -de balde- está enmarcada no programa “Ler Conta Moito” a través do que se desenvolven actividades de dinamización lectora nas bibliotecas que están integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. O financiamento corre a cargo da Consellería de Cultura e dos concellos participantes.
Levaranse a cabo as medidas de seguridade vixentes, limitando o aforo do salón de actos da Casa da Cultura e poñendo xel desinfectante a disposición do público que obrigatoriamente deberá usar máscara.

Radio BULEBULE é un espectáculo baseado no libro-cd-dvd “Radio Bulebule” editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións e interpretacións cos rexistros máis divertidos. Unha radio itinerante, ambulante, cantante e que transmite para o mundo en linguaxe universal.
Paco Nogueiras, o protagonista deste espectáculo, convida aos espectadores a vivir a radio en directo nun divertidísimo programa cheo de humor, baile e cancións. Hai de todo: deportes, servizos informativos, o tempo, axenda cultural, a mellor guía para descubrir as últimas tendencias, e mesmo para crear xuntos un gran éxito vogal.