HomeCulturaO Concello de Sober en 58 páxinas

O Concello de Sober en 58 páxinas

Baixo o título “Coñece o teu concello“ preséntase unha novidade literaria, un reto para mestres, alumnos, e persoas en xeral que desexen afondar na historia destas terras dende as orixes ata os nosos días.

Publicado o

POR
Moncha Prieto
- Advertisement -

O Colado do Vento vén de sacar unha unidade didáctica, “Coñece o teu concello”, onde se rescata o máis representativo da zona facendo un percorrido polas distintas épocas históricas e sobre o patrimonio.

Esta publicación foi pensada para axudar aos educadores a poñer en valor diante o alumnado todo o noso. Seguindo as pautas suxeridas, os nenos e nenas achegaranse a diferentes eidos que conforman un territorio, neste caso o de Sober. Coñecerán a xeografía, as aldeas que forman o Concello, aprenderán a definir os principais elementos, rescatarán tradicións, monumentos, lugares de interese, patrimonio, lendas, festas, gastronomía, todo o que fai que unha localidade sexa única e, ao mesmo tempo, integrada no global.

Esta publicación foi pensada para axudar aos educadores a poñer en valor diante o alumnado todo o noso

O libro, que no seu día foi elaborado por Alfonso Campos, aló polo 1995, agora reelaborado e actualizado, tenta implicar ás nenas e nenos no coñecemento do entorno xa que, segundo din os responsables da publicación “o neno e nena aprenden mellor se os coñecementos se axustan ao que hai no seu entorno… o ámbito rural é, en moitas facetas, un lugar privilexiado, que ensina ao neno e nena dunha forma integrada… conviven con hórreos, fornos, igrexas, pombais, muíños, animais, cultivos… e os avós son fonte de tradición que os engarza co pasado real e o recreado”.

Seguindo as pautas, os exercicios suxeridos, e as inevitables visitas ás paxinas web recomendadas, os nenos e nenas, e todas as persoas que o desexen, descubrirán a grande riqueza patrimonial que se agocha no Concello de Sober: petróglifos, castros, muíños, pombais, cerámica, asentamentos romanos, igrexas, lendas, e tamén a importancia dos oficios, moitos deles só vivos na memoria dos maiores.

Os nenos e nenas, e todas as persoas que o desexen, descubrirán a grande riqueza patrimonial que se agocha no Concello de Sober

Así o entende tamén o profesorado do CEPI plurilingüe Virxe do Carme de Sober, que fai a seguinte valoración sobre esta publicación:

Contribúe a que o alumnado coñeza e valore os elementos históricos e xeográficos da súa contorna. Amosa un percorrido moi ben estruturado polas diferentes épocas históricas no noso concello.

Achega ao alumnado ao coñecemento da historia, xeografía, e cultura a partir do que pode observar na súa contorna o que facilita a súa aprendizaxe polas características de razoamento que ten a estas idades.

É moi completa porque ofrece gran cantidade de recursos didácticos e bibliografía.

Estamos agradecidos de que nos faciliten este traballo tan interesante que podemos levar a cabo co noso alumnado nas áreas de Ciencias Sociais e Ciencias da Natureza”.

Os socios e socias do Colado do Vento recibirán o agasallo dun exemplar desta publicación e terán dereito a mercar outro ao prezo simbólico de 5 euros. Para os non socios o prezo será de 10 euros e en breve tamén se poderá mercar en librerías. Mentres, pódese adquirir poñéndose en contacto coa asociación coladodovento@gmail.com. Recibirán exemplares o CEPI Virxe do Carme de Sober e a Biblioteca Municipal.

Sen dúbida, unha ambiciosa aventura. Para coñecer e amar o que temos preto, abondan 58 páxinas.

ÚLTIMAS

Charla sobre a antiga bailía templaria de Canaval

A conferencia, a cargo de Almudena Bouzón Custodio, doutora en Historia Medieval pola USC, abordará...

IGV denuncia que “o campo galego véndese aos lobbies en Bruxelas”

IGV lamenta nun comunicado que moitos partidos estatais practican un duplo rexistro "para enganar...

O PP de Monforte volve reclamar máis seguridade no paso a nivel da Florida

Este paso a nivel volveuse poñer en funcionamento despois das obras na liña ferroviaria...

O condutor dun camión resultou ferido nunha saída de vía na N-120, á altura de Cereixa

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ao redor das 11:35 horas deste martes,...