A Concellería de Cultura de Sarria, como xa avanzara meses atrás, ten a intención de realizar actos en homenaxe a Xela Arias todo o ano. Con todo, estes días que orbitan arredor do Día das Letras Galegas tamén se caracterizarán por contar con interesantes actividades culturais na súa honra.
Tendo en conta esta premisa, e sabendo que o 17 de maio a familia de Xela estará en Vigo, no acto central da Real Academia Galega, o concello optou por organizar ese día algo máis sinxelo.
En calquera caso, o programa de actividades deseñado polo concello para estes días contará con diferentes actividades das que nos dá conta Reyes Abella, a concelleira de Cultura. A programación abrangue dende recitais poéticos, ata espectáculos temáticos, proxeccións de documentais e unha presentación discográfica.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES
Domingo 16
A Casa da Cultura acollerá ás 19:00 h. un recital poético no que participarán poetas sarriaos que colaboraron na exposición “Xela Arias. Aquela nena de Sarria”, profesores e alumnado dos institutos e outra xente de Sarria que fai poesía.
A continuación, tamén na Casa da Cultura, ás 20:00 h. haberá unha proxección documental co título de “Vencerse é cousa de se tratar”. En palabras de Reyes Abella, concelleira de Cultura, “é moi moi sarriao, moi centrado na nenez de Xela e con aportacións dos estudantes dos dous institutos”. Segundo sabemos, está vertebrado arredor da creación do mural coa imaxe de Xela e tamén saen intervencións de Ugia Pedreira e A Banda da Loba reflexionando sobre a súa pegada musial. O traballo audiovisual, poderá verse tamén na TVG este mesmo día ás 15:00 h.
Luns 17
Ás 12:00 h. está programado na Casa da Cultura un orixinal espectáculo que leva por título “Xela con área”, a cargo de Marcos Escudero. Contémplase a súa realización segundo aforo e despois, en diferido, poderase ver nas redes sociais do concello e na súa canle de youtube.
Xa pola tarde, ás 13:00 h. terá lugar a presentación do disco “O equilibrio dos tigres” un traballo no que Eloi Caldeiro ponlle música a unha escolma de poemas de Xela Arias.
Martes 18
Este día terá lugar ás 12:00 h. un recital na Rúa Xela Arias, no xardín da Capela de San Lázaro. “Os Camiños literarios de Xela Arias”. A iniciativa dunha profesora do IES Xograr Afonso Gómez consistirá nun recital a cargo de todos os centros educativos sarriaos diante do mural inaugurado días atrás.
Venres 21
Proxección na Casa da Cultura do documental “Xela Arias, poeta nas marxes”, ás 19:00 e ás 20:00 h. Trátase dunha obra de Beatriz Pereira que chega a Sarria baixo o patrocinio da Xunta de Galicia, dentro do ciclo de actuacións do Xacobeo 21-22 e Dinamización Lingüística. Reyes Abella dinos que aínda que haberá dous pases, cómpre reservar localidade antes.
OUTRAS INICIATIVAS
Dende este venres 14 de maio unha proxección alusiva a Xela Arias lucirá pola noite e durante unha semana no Cruce da Avenida.
Dende o CEIP Frei Luís de Granada e a EEI Xela Arias fixeron tamén unhas emotivas homenaxes a Xela Arias que inmortalizaron nos seguintes vídeos.