O teatro segue sendo protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no primeiro semestre do ano 2021, contando coas medidas de seguridade necesarias ante a Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas. O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes. O aforo máximo do salón é de 110 persoas.
A obra de Redrum Teatro conta a historia de Claudio, un estudante de dezasete anos que senta na última fila. Non fala, non participa, non é problemático, non destaca, salvo en Matemáticas. Cada clase fáiselle máis insoportable ata que Xermán, o profesor de Lingua e Literatura, manda escribir unha redacción sobre a fin de semana. A partir deste intre, Claudio empeza a transformarse en alguén que observa, imaxina e escribe a vida doutros nun relato por entregas para un só lector.
Ese relato compartido polo discípulo e o mestre convértese nun xogo cada vez máis perigoso para eles e para quen os rodea. Un xogo que se disputa en dous taboleiros: o da vida e o da literatura.
A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación (19:00 h). A entrada ó salón de actos realizarase dende vinte minutos antes do comezo da obra (19:40 h.).