Entre as actividades que se retoman están as clases de música e movemento, guitarra e piano, a ludoteca infantil, as escolas deportivas de fútbol sala e voleibol, ou o curso de preparación de graduado en ESO e competencias clave.
Máis específicas para este mes de mes de outubro organizáronse actividades con motivo do Día das persoas maiores, do Día da muller rural, do Día do cancro de mama e do Día da biblioteca. Dúas son as andainas previstas para este mes, unha delas será de terror. O concello retoma este ano o QUIMEDO, unha andaina nocturna para os máis valentes que se fará o día 30 para celebrar o Samaín.
No mes de novembro teatros, magostos, andainas e un ciclo de conferencias sobre o manexo do estado hídrico e xestión da vexetación empregando restos nos viñedos; así como un proxecto para subir a autoestima das mulleres dentro do programa “Namórate da túa vida”. Sen esquecer todo o organizado especificamente con motivo da celebración do patrón da vila dentro do programa San Martiño e viño no camiño.
No mes de nadal, ademais das celebracións habituais nestas datas, organizáronse campionatos de tute para os maiores, minichef para os máis pequenos, moitas animacións infantís e un torneo de fútbol sala para rematar o ano coa carreira solidaria San Silvestre.
Todas estas actividades compleméntanse durante estes meses con outras específicas coas que colabora o concello como o curso de Estimulación cognitiva, as clases de Pilates, de Judo, de Baile rexional e de Gaita, pandeireta e tambor.