HomeCulturaLaura Celeiro, “a feira deste ano vai ter moitas sorpresas”

Laura Celeiro, “a feira deste ano vai ter moitas sorpresas”

Este domingo celébrase no Incio a X Feira de Artesanía e Etnografía coas vodas como eixo temático escollido para este ano. A alcaldesa cóntanos detalles da organización e do programa de actividades para ese día.

Publicado o

- Advertisement -

O Incio é un concello pequeno e rural que aposta por dinamizar a súa poboación con actividades culturais para todas as idades, como vén facendo este ano co ciclo “verán cultural”, e tamén organizando eventos como a Feira de Artesanía e Etnografía nos que se exaltan as tradicións do pobo. O centro da vila, na contorna da Casa do Concello, será o recinto feiral e punto de encontro tamén para o concerto de Lucía Pérez.

Cantos postos hai este ano na feira?

50 postos en total, moitos deles relacionados coa artesanía e a etnografía pero tamén outros de alimentación, téxtil, etc. Haberá artesáns da madeira, do coiro, do traxe tradicional, do coiro, do xoguete, da cestaría… Por certo, teremos obradoiros artesanais de instrumentos musicais, cestaría e confección de traxes, refaixos e faldriqueiras.

Por destacar xente da zona que está nesta xornada, contaremos coa presenza de Torta de Sarria, proxecto relacionado coa repostaría, Finca Barreiro, negocio do Incio que apostou pola comercialización de arandos e o escultor Álvaro de Buxán que nos ensinará a súa obra.

Lourdes de Torta de Sarria / Foto: Lourdes

Cada ano búscase un tema como fío condutor?

Si, a idea é buscar un tema relacionado coas tradicións e a cultura do pobo para exaltar na feira. Así xa foron protagonistas, por exemplo, o liño, o pan, a música, e este ano as vodas.

E por que os casamentos este ano?

Porque era un tema aínda sen tratar (risas) e pensamos que facilitaría a implicación da xente do Incio.

Que me contas desa exposición temática?

A exposición vai quedar moi chula e farase no salón multiusos, na parte baixa do concello. Temos 60 fotos, a máis antiga é do 1902 e a máis recente do 2016. A clasificación que se fará é por décadas e veranse auténticas reliquias. Ademais de fotos a xente facilitou traxes de voda para incorporar á exposición. Neste caso hai que valorar moito que se conseguisen traxes de noiva e de noivo antigos porque moitos deles xa foron roídos polos ratos (risas) e outros reconvertidos noutras prendas como era costume antigamente.

Dásme a entender que a xente está moi motivada?

Moito, atopar os traxes, buscar e facernos chegar as fotos que non sempre hai tempo nin é doado recuperar ten moito mérito. A colaboración das veciñas/os é impresionante, ademais de ceder o material, axudan á montaxe da exposición, pasáronlle anécdotas e historias reais de vodas ao grupo de teatro das Nogais que vén o domingo para que personalizase a obra e incluso están preparando, por sorpresa, os birindos para despois da representación teatral.

Os birindos?

Si, os birindos, brindos noutros lugares, que son como coplas satíricas que se lanzan uns a outros; o noivo á noiva, a noiva ao noivo, os convidados entre eles… O domingo pola tarde, despois da obra de teatro, teremos ocasión de velos e escoitalos.

Teatro sobre casamentos, birindos , baile e rosca de voda…

Todo iso, e ollo, o panadeiro do Incio está preparando unha rosca de campionato. Tamén é outra sorpresa, igual temos unha rosca de guinnes (risas).

Queres dicir algo máis para rematar?

Pois que animo á xente a participar deste evento, unha feira que facemos o primeiro domingo de setembro dende hai dez anos, porque o pasaremos moi ben e reencontrarémonos coas tradicións e a cultura do noso pobo. Teremos música tradicional, un programa de radio en directo, teatro, obradoiros, degustación de sidra de balde e este ano como fin de festa o concerto de Lucía Pérez, que máis se pode pedir?

ÚLTIMAS

Entrega dos premios do ‘Mondial de Vins Extremes’ e xantar de Nadal da D.O. Ribeira Sacra

A D.O. Ribeira Sacra vén de celebrar a súa tradicional comida de Nadal, un...

‘Feira de Nadal’ para dinamizar o comercio local e a artesanía en Quiroga

O Equipo de Goberno do Concello de Quiroga organiza unha Feira de Nadal coa...

Queres ser paxe na Cabalgata dos Reis Magos de Chantada?

As prazas para participar son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os pais...

O PP de Monforte celebra o investimento anunciado para a rede de abastecemento e espera que “non quede en papel mollado”

Os populares aseguran que “temos claro que o alcalde se moveu grazas á nosa...