O 17 de Maio é o día da nosa cultura, da nosa lingua. Este ano a homenaxeada é María Victoria Moreno Márquez. Profesora e escritora que, dende que chegou a Galicia no 1963, enriqueceu a nosas letras tanto na narrativa como nos estudos literarios, no ensaio, na poesía e na didáctica da lingua e da literatura galegas. E, por suposto, a comarca de Lemos tamén se lembra desta mestra que ensinou a amar a nosa lingua a moitas xeracións de lucenses.
Sarria foi o concello máis madrugador e xa o sábado día 12 comezou cos actos de celebración enmarcado no certame “Letras e Lectura Sarria“. Para este 17 hai programadas sesións infantís baseadas nas obras de María Victoria Moreno Márquez. Para as 20:00 horas, na Casa da Cultura está programado o Festival de Música, Teatro e Danza cas actuacións de Ritmolugo, Rebuldeira Teatro, A.C.Peleriños e Coro Sarricanta.
Chantada e Bóveda tamén celebraron cos máis cativos da vila este día con sesións infantís e de contacontos baseados nas obras da homenaxeada nas horas lectivas dos respectivos centros educativos.
En Monforte, o 16 de maio déronse a coñecer os gañadores do certame de narración e debuxo infantil organizado polo concello. Pódense consultar os gañadores na seguinte ligazón: Gañadores Certame Concello Monforte. Posteriormente celebraranse as III Olimpiadas Escolares onde preto de 600 rapaces dos diferentes centros escolares da cidade, competirán en diversas disciplinas deportivas no Pavillón de A Pinguela. A partir das 20:00 horas, no Edificio Multiusos, celebrarase o “Festival Letras Galegas 2018” onde actuarán o Grupo de Gaitas e Grupos de Danza Tracional da Escola Municipal de Música e a Coral Polifónica do Concello de Monforte de Lemos. Tamén este xoves, ás 17:30 horas, no Pavillón Plurilingüe Virxe do Carme de Sober celebrarase a VII Ximnastrada onde se pode desfrutar das coreografías realizadas polo Clube Quincela, Asociación Deportiva Aixa e CEIP Virxe do Carme de Sober.
Quiroga tamén se une a celebración deste día e así, a partir das 12:30 horas, no Concello entregaranse os premios aos gañadores do Certame de Narración e Debuxo “Letras Galegas 2018”. Seguidamente nomearase como filla adoptiva da vila a Celia Díaz Núñez. Os actos rematarán ca actuación do grupo de gaitas O Recanto.
Para esta fin de semana aínda están programadas varias celebracións como ocorre no concello da Pobra do Brollón onde o sábado celebrarase o “Festival das Letras Galegas” na casa cultura Olga Novo a partir das 18:00 horas. Ese mesmo día, na parroquia de Cereixa, a través da Asociación María Castaña, celebrarase a comida popular dos veciños que posteriormente gozarán dunha sesión de teatro organizada por eles mesmos e que cada ano está a ter máis público.