HomeTerra de LemosA Pobra do BrollónO turismo histórico chega a Sober, Monforte e Pobra do Brollón esta...

O turismo histórico chega a Sober, Monforte e Pobra do Brollón esta fin de semana

Máis dun cento de persoas rexistráronse no proxecto Rutas de Historia que organiza dúas andainas o sábado e o domingo. Estarán guiadas por integrantes do Colado do Vento e do Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo. Moitos dos participantes pernotarán e comerán en locais da zona.

Publicado o

- Advertisement -

“As pegadas prehistóricas, románicas e etnográficas no Canón do Sil, o río que fixo Galicia” e  “Polas terras irredentas de Lemos: A ultima gran batalla dos guerrilleiros en Galicia”. Estes son os suxerentes nomes das dúas andainas que esta fin de semana terán lugar na comarca de Lemos dentro do proxecto cultural ‘Rutas de Historia”, de valorización do noso patrimonio e a nosa historia. Polo momento, son xa un cento de persoas as que fixeron o seu rexistro na web www.rutasdehistoria.com para acudir a este evento.

A primeira das rutas, que terá lugar este sábado, comezará na Igrexa de San Vizenzo de Pinol, en Sober, ás 10.00 horas. Ademais desta igrexa, que conserva pinturas murais renacentistas, percorrerá o Agro das Mámoas, o Petróglifo do Preguiceiro, a Casa Grande de Veliños, a Igrexa de Lobios (románico tardío), o Souto de Lobios, a Capela da Raíña dos Anxos, os Petróglifos de Sampil (3 conxuntos), o  Petróglifo do Val da Raña, os Cruceiros de Pinol, Santiorxo e Lobios e o Miradoiro de Santiorxo, no canón do Sil. Tamén pasará polos núcleos rurais tradicionais, como Cimadevila, Vilameá ou Pipín. A andaina será guiada por integrantes da entidade O Colado do Vento.

Miradoiro Balcóns de Madrid. Parada de Sil.

Xa o domingo, terá lugar unha nova andaina, desta volta, entre as parroquias de Chavaga, en Monforte, e Cereixa, na Pobra do Brollón. Alí coñecerán o que aconteceu a tarde do 20 de abril de 1949 cando tivo lugar a última gran batalla que marca o inicio da fin da Guerrilla en Galicia. Este roteiro comezará no lugar de Repil, pasará por Cereixa e rematará no Castro de San Lourenzo onde se está a levar a cabo un proxecto de Arqueoloxía en Comunidade. Precisamente, dous integrantes deste proxecto, o arqueólogo Xurxo Ayán e o historiador Xosé Gago serán os guías nesta interesante visita.

Rematados os roteiros, os participantes xantarán en restaurantes da zona. Ademais, boa parte das persoas que acudan a estes roteiros pernotarán durante o venres e o sábado en establecementos da zona e asistirán o sábado pola noite ao festival As Cores do Outono, que ten lugar na Pobra do Brollón.

Valorización da historia e do patrimonio

A recuperación do patrimonio oculto que atesoura Galicia é a base do proxecto Rutas de Historia (www.rutasdehistoria.com) que puxo en marcha a súa segunda xeira de roteiros históricos por toda Galicia para concienciar á sociedade galega da importancia que ten a súa historia e o seu patrimonio. Uns roteiros que queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural e natural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia.

Neste sentido, Rutas de Historia, ten previsto a realización de oito andainas históricas polas catro provincias galegas, delas, cinco na provincia de Lugo. A idea é fixar na poboación que a historia e o patrimonio tamén poden ser riqueza para un país. As rutas previstas abarcan varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea.

Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co soporte de Abanca e da Deputación de Lugo, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Patrimonio dos Ancares, o Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo, o Colado do Vento, a Asociación María Castaña ou o Colectivo Capitán Gosende.

Castro…

Así, entre os guías destas andainas estarán Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA);  Manuel Gago, director de Cultura Galega e investigador; Elixio Vieites, investigador e membro de Patrimonio Galego; Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares; Paula Vázquez Verao, do Colado do Vento ou Xurxo Ayán e Xosé Gago do Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo.

Andainas

Os roteiros previstos son oito:

  1. 1. Polas terras irredentas de Lemos: A ultima gran batalla dos guerrilleiros en Galicia
  2. As pegadas prehistóricas, románicas e etnográficas no Canón do Sil, o río que fixo Galicia
  3. As Ánimas, os mouros e os misterios milenarios dos Ancares
  4. Camiñando pola Idade do Ferro na “carretera da República”
  5. A ruta das pedras lendarias de Santa Mariña de Esteiro
  6. Cabaleiros, Xinetes e Monxes Arraianos. Os castelos e os mosteiros que fixeron A Limia
  7. Galicia dos señores. Os segredos do Pazo de Oca
  8. Na procura dos castros que naceron á beira do mar

As andainas comezarán esta fin de semana e rematarán o 10 de novembro de 2018. Teñen unha duración de entre catro e cinco horas e serán realizados durante as mañás do sábado ou do domingo. Os guías explicarán, en varios puntos, os contextos históricos por onde pasan os camiñantes. A maior parte delas serán circulares e as persoas interesadas terán que levar roupa axeitada e comida e bebida para o camiño. Todos os participantes deberán inscribirse, previamente, na páxina web do proxecto ( www.rutasdehistoria.com ou www.rutasdehistoria.gal) cunha antelación de 24 horas.

Podes coñecer todo o contido dos roteiros na web: www.rutasdehistoria.com

Tamén podes atopar información e entrevistas sobre os roteiros desta fin de semana na web www.historiadegalicia.gal

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...