Monforte de Lemos, 4 de agosto do 2022.
Levaba o latexo da vida nas mans,… cando o sangue chega á sen como golpes na cabeza. Estás ti nun mundo sen rumbo. Agora, ás veces, chámanlle estrés. Fai case 80 anos elas tamén sentían o latexo da vida nas mans que suxeitaban aquelas maletas de esperanza na estación de tren para saír da súa terra cara Barcelona. Como se catalogan aquelas mil sensacións na alma? Daquela non existía o estrés, existía o medo, o abandono do fogar, a expectativa, a dúbida, o non saber que pasaría dando ese paso tan importante na vida.
Esas maletas cargadas de soños e morriña, de valentía e abandono leváronme a Proximidade LLunyana no Pazo de Tor. Ese pazo que cheira a vida, a vella e a nova. A vella que se conservou case intacta ata fai ben pouco e a nova que se respira nun ambiente que xa non marca distancias.
Xa pasaron meses da pandemia, do encerro, e chegar aquí e ver o val ante ti, e o pazo, sobrio, a historia sempre abruma. O poder.
Seguía levando o latexo da vida nas mans,… Non fun polo pazo, fun ademais do pazo. Apaixonoume sempre esa arquitectura histórica que ten a capacidade de trasladarte a outra época, unha viaxe no tempo sen ser virtual é moito máis interesante. Facémola nós.
O museo como transformador social
Agora que vou ademais do pazo, doume conta de que levo vindo ao Pazo de Tor desde que a Deputación estaba acondicionándoo para introducilo na Rede Museística Provincial e viñen por mil motivos desde que está aberto como museo no 2006. Desde aquela teño visitado o pazo como turista e para gravalo ou fotografialo. É ese decorado perfecto que te leva á nobreza galega do XVIII e quen non quere sentirse nobre paseándoo?
Tor é hoxe un museo etnográfico que afonda na vida social máis alá da época e do tradicionalmente contado e ensinado. E se os pazos asustan e os museos tamén, T(h)or imponse con xustiza contra os prezuizos. Quere recuperar o poder, un poder distinto ao que tivo históricamente, agora como centro de igualdade, respecto, intercambio e cultura, un museo como transformador social. Iso que pensei que pasaría despois da pandemia, esa transformación de cada un de nós como sociedade, pode darse desde estes espazos para compartir.
Tor hai tempo que ensina máis que a cara A e agora amosa tamén todas as caras. Porque esa é a historia de verdade, a de todos, e así quizais podamos entender mellor a nosa propia historia. Por iso fun a Tor. Para ver as luces e as sombras, o que se contou e o que se ocultou, como se contou. Novos achados e formas de presentar para achegarse ás persoas e facelas partícipes dos descubrimentos.
Non soa a crise de idade? Ou alomenos a algo en constante cambio? Algo vivo e dinámico que se adapta ás necesidades de abrir novos espazos e formas de comunicarse entre nós e coas estruturas que se nos facían alleas.
Todo vai demasiado rápido para que o deamos asumido e cando todo cambia de contexto parece que a única solución é aprender da natureza e parar ante un “ritmo de vida” que consume e nos consume.
Aí está a raíz, na orixe das cousas e no significado que teñen máis alá dos estereotipos
Un pazo museo etnográfico que pinta aquí? Primeiro, algo afianzado na raíz polo que significan esas tres palabras. E comezo por etnografía porque me parece o máis importante agora, como funcionamos como sociedade con todos os significados que iso ten. Tor é o reflexo da sociedade dunha época na que aparecen máis que os actores e actrices principais. Museo porque nos dá a oportunidade de gozar dun legado e faino accesible e cercano. Un legado que se amplía, que cambia, que se adapta e transforma, como nós e como as sociedades. Un pazo, un reflexo arquitectónico dun sistema social, un sistema social que mudou e transformou a función desta infraestrutura, pero a construción é sólida, fermosa e mantense no tempo.
Aí está a raíz, na orixe das cousas e no significado que teñen máis alá dos estereotipos. E de aí poden saír mil bifurcacións que debemos coidar ao longo da nosa vida e na nosa relación como sociedade. Por iso fun a Tor, e antes de subir as escaleiras xa non levaba o latexo da vida nas mans.
Tor é hoxe un museo accesible, pero esas escaleiras invítanme a subilas cada vez que as vexo. Tocar a pedra, o peso da historia, o paso do tempo, a pedra que non entende de coronavirus. E xa de paso non entende de Google, Youtube, Facebook, smartphones, influencers, followers, instagramers, Netflix, Amazon, subscritores, Whatsapp, big data, Bizum, app, seo, gamers….
O que me trae a Tor é un momento de vida sen todo iso que nos é tan importante e necesario en moitos casos; ata o punto de absorvernos e aniquilarnos como individuos. Non fomos educados a relacionarnos así como sociedade nin como persoas e a identidade propia termina distorsionándose. As redes socias técense cara a cara.
Un momento de vida noutro momento da vida
O entorno natural que rodea Tor xa resulta evasivo de por si, pero quería cambiar de época, calquera. Un momento de vida noutro momento da vida.
Como o das mulleres que esperaban na estación polo Shanghai cara Barcelona con esas maletas que encerraban todo e que hoxe perderíanche no avión case sen importarche. Sabemos de que están cargadas as nosas maletas de agora? Esas que esperan para coller o tren e cambiar de vida? Por iso fun a Tor a ver proximidade LLunyana.
Por que suceden as cousas como suceden? Todas as famosas 6W (Quen, Que, Onde, Cando, Por que e Como) son importantes, pero todas teñen unha resposta rápida, a resposta ao porque adoita tardar en chegar e moitas veces tarda en saberse. A natureza e os museos encerran respostas a moitos porqués e fano porque pasa o tempo suficiente para ir completando respostas.
Proximidade Llunyana une a provincia de Lugo e Barcelona e faino a través desas mulleres rurais que coas súas maletas esperaban o tren na estación nos anos 50. Historias con nomes e apelidos que se coñecen porque as protagonistas cóntanas, ou a súa familia, ou persoas coñecidas. Todas esas historias que non se dicían nin se gardaban porque eran vidas privadas. Vidas privadas que unha a unha tamén fan historia e que agora cóntanse grazas á participación social nas iniciativas que o museo promove.
Esas mulleres escondidas agora teñen voz, esas vidas vividas agora destápanse, porque ocultar só dá escuridade, e ter unha única visión oficial quedou demostrado que só é fachada.
Seguirei achegándome ás vidas que non se contaron visitando San Paio de Narla, ese xuizo gañado por unha muller violada no 1738 por un fidalgo ou o neno expósito de Friol que séguese ata América.