HomeCulturaAle actúa en Salcedo este venres e abre a Semana Cultural

Ale actúa en Salcedo este venres e abre a Semana Cultural

Co concerto de Ale arranca a Semana Cultural de Salcedo, con múltiples actividades en torno ao proxecto de arqueoloxía de aldea, Penas do Castelo, en colaboración coa Asociación Veciñal de Salcedo e o Concello da Pobra do Brollón.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Este venres, 19 de agosto, Ale volve a Salcedo, a súa aldea natal, para ofrecer un concerto cheo de emocións e amizade. Será a partir das 20:30 na terraza de A Salanova. O concerto enmárcase no ciclo do Concello da Pobra do Brollón, ‘Cos Pés na Terraza’.

Logo de estar xirando por lugares míticos como o Náutico de San Vicente, desta volta Ale vén sen banda e acompañado no escenario de amigos e familiares. Interpretará cancións da súa vida e do propio repertorio salcedao das festas e das cantinas. Tamén algunhas do repertorio do seu pai, o músico Eliseo González.

Tras o concerto, a festa seguirá con pinchada. A entrada é libre e de balde. A Salanova ofrecerá racións para quen queira cear no evento.

Semana Cultural en Salcedo

O domingo 21 haberá un obradoiro infantil no Local Multiusos de Salcedo ás 12:30 no que os participantes traballarán en torno a unha pedra misteriosa hoxe desaparecida. Trátase dunha petróglifo gravado con figuras humanas, xinetes e armas cunha azarosa historia da que se conservan unicamente fotografías. O obradoiro consistirá en facer unha reprodución dos motivos da pedra para a súa instalación nalgún lugar público.

A partir do martes 23 recupérase a actividade con charlas. Ese día, o arqueólogo Tito Concheiro falará sobre “castros tolos” ás 20:30 na Salanova. Analizará con veciños e veciñas castros peculiares cos que se ten atopado ao longo da súa dilatada carreira, en relación á extravagancia do xacemento de Penas do Castelo.

O mércores ás 20:30 na Cantina de Julia será Benito Vilas, director das escavacións en Penas do Castelo, quen fale do propio xacemento analizando as datacións presentadas a finais do ano pasado que indicaban un xacemento excepcionalmente antigo. Previamente farase unha breve exposición sobre as orixes de Salcedo a través da documentación medieval. Esa mesma noite ás 23:00 haberá unha andaina ata o xacemento da Roda do Castro onde se fará unha observación do ceo nocturno a cargo tamén de Benito Vilas.

O xoves será a última actividade, tamén ás 20:30, neste caso no Local Multiusos (coñecido localmente como “a Nave”). Alí veciños e veciñas farán lecturas de textos de A Voz de Salcedo, unha antiga revista editada pola Asociación Veciñal e que se quere reivindicar dende o presente. No mesmo espazo a poeta Noa Moreira fará un recital de poemas inéditos.

Está previsto que continúen as actividades culturais e divulgativas ao longo do mes de setembro, coincidindo coa segunda escavación de Penas do Castelo. O ciclo ‘Cos Pés na Terraza’, pola súa banda, continuará o venres 2 de setembro con concerto de Hainas no restaurante O Fogón de Cereixa.

ÚLTIMAS

O Camiño de Inverno celebra 10 anos de oficialidade e presenta campaña promocional en Fitur

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, creada no 2018, para poñer en...

O PP de Monforte acusa a Tomé de “anuncios que non se concretan”

A voceira popular, Katy Varela, recorda que en decembro xa advertiran de atrasos e...

O programa Da Escola á Granxa optará ó Premio Aresa 2026

O programa cumpriu en 2025 catro edicións achegando a nenas e nenos de infantil...

Monforte anuncia 25.000 euros en premios para o Entroido 2026

Comeza a conta atrás para o comezo do Entroido, e con el chegan os...