No espazos da Rede Museística de Lugo -Pazo Museo de Tor entre eles- recóllense ata marzo de 2023 as creacións de 9 artistas de diferentes procedencias cun abano de expresións: vídeo, fotografía, performance, debuxo, pintura, escultura e instalación sonora. A escolma foi un traballo da coruñesa Anxela Caramés, comisaria de arte e investigadora feminista responsable de MÁIS ALÓ DOS XÉNEROS, onde reunira obras de 50 creadoras das prácticas artísticas feministas en Galicia desde os anos noventa ata 2017.
Este novo proxecto xira arredor de varios fíos condutores “relacionados coa temática dos coidados”, explica Caramés. “En primeiro lugar o binomio traballo doméstico/mulleres migrantes e a súa correlación nas institucións culturais coas traballadoras da limpeza nos museos; e en segundo lugar a sobrecarga familiar das amas de casa, os problemas específicos da crianza desde a ollada das artistas nais, e tamén os vencellados cos coidados a persoas maiores”.
No Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol) visibilízase o labor das coidadoras de persoas maiores e dependentes. No Museo Provincial do Mar (San Cibrao, Cervo) as pezas céntranse no papel de coidadoras de mulleres que, ou teñen que compaxinar ambos roles no seo familiar, ou deben ocuparse dos coidados de persoas alleas para que outras poidan traballar. E no Museo Pazo de Tor, espazo que este sábado protagoniza a visita conta cunha escolma de creacións en relación á maternidade e á crianza que dialoga con obxectos que xa estaba nos fondos deste espazo expositivo coma o berce, a mecedora ou as pezoneiras de cristal. Catro artistas falando dende ser nais. Andrea Costas, unha das creadoras con obra en Monforte onde presenta por primeira vez o vídeo-performance Feliz sobre o destete dos seus fillos, estará na visita guiada deste sábado 10. Con ela Xisela Franco, que presenta no Pazo Museo de Tor a vídeo-instalación Vía Láctea, unha maternidade en movemento na que amamanta á filla; e tamén Ana Gesto, que achega foto-accións e vídeo-accións tamén xunto a súa filla Berta. Finalmente estará tamén Mar Caldas, artista con obra no Museo Provincial do Mar (San Cibrao- Cervo), 100 fotografías realizadas a mulleres traballadoras e coidadoras na Comarca do Rosal para o proxecto 100% Contigo