Gran expectación a xerada o luns pola presenza do afamado director monfortino nos Cines Hollywood presentando a súa última obra cinematográfica acompañado de Emma Lustres, produtora da galega Vaca Films e do actor Vicente Romero. A sala habilitada para o pase especial quedou pequena e houbo que pasar xente a outra para que puidesen ver a película. Moita xente acreditada, todas as forzas políticas representadas no concello presentes e numeroso público que non quixo perder a oportunidade de estar preto dos protagonistas. A dicir verdade, o pase foi algo caótico en canto á organización pois a falta de previsión fixo que houbese un certo colapso na sala ata que se pensou na alternativa de meter a parte do público noutra e non habendo micrófono para os parlamentos dos protagonistas non se lles escoitou ben.
Fóra destes detalles organizativos, Dani de la Torre foi aclamado antes e despois do filme. Antes, na presentación previa á proxección, e despois ao rematar a mesma coa xente en pe aplaudindo de satisfacción durante varios minutos. Dende a súa destacada modestia e proximidade agradeceu a oportunidade da produtora que apostou dende o principio polo proxecto audiovisual, destacou o agarimo dos monfortinos/as e deu a entender unha vez máis que Monforte está sempre nos seus pensamentos. Neste último punto, Emma Lustres destacou que o de vir gravar algunhas escenas a Monforte foi un empeño persoal de Dani, empeño que valeu a pena.
Ao remate da proxección os protagonistas tiveron unha atención especial con cada un dos espectadores que os felicitaban, atenderon con paciencia aos medios de comunicación e fixeron fotos con todo o mundo.
Vista a película e tendo por Monforte ao actor sevillano Vicente Romero aproveitamos a ocasión de facerlle unhas preguntas sobre o seu traballo neste auténtico “peliculón”.
Coñecías a Dani de la Torre? Que destacarías do teu primeiro traballo ás súas ordes?
Non o coñecía e foi o meu primeiro traballo con el. Destacaría del que ten un contacto bastante directo cos actores. Aínda que ten moi clara a idea do que quere na cabeza e é un director moi técnico está en contacto estreito con todo o equipo.
No persoal e no profesional dise del que é moi humilde?
Dani é moi intelixente e xusto por iso é próximo e humilde, pero estas características son propias, así o penso eu, de xente grande que ao final destaca en algo
Os personaxes da película están moi definidos, de quen é o mérito?
En primeiro lugar, como non podía ser doutra maneira, do guión. Se a materia prima é boa empezamos ben. Despois resulta importante, como comentamos, a dirección e tamén axuda a boa sintonía entre actores.
Como entraches en “La sombra de la ley”, vía casting?
Pois foi un pouco froito da “causalidade”. O papel do inspector ‘Rediu’ era para outra persoa pero este non puido e chamáronme a min. Bendita causalidade (risas).
Visto o guión, gustouche o personaxe que che tocou?
Si, o guión era bo e o personaxe tamén.
Non tes a sensación de que “che caen” bastantes papeis de “chungo”?
Ben, algún me tocou pero tamén fago bastante comedia. O papel do inspector Rediu é perverso pero con bastantes matices. Non é un “chungo” sen máis, o papel ten un punto tamén de comedia.
Que tal con Luís Tosar de compañeiro de rodaxe? Non era a primeira película na que coincidides, verdade?
Con Tosar ben, é un tipo que o fai todo moi doado. E supoño que axuda tamén a proximidade xeracional e a técnica de traballo. Así, de primeiras, que lembre agora coincidimos en “Celda 211” e “Intemperie”; igual hai algunha máis pero nestas seguro.
Aínda que es parte interesada, gustouche “La sombra de la ley”?
Gustoume moito a película como espectador e mentres gravaba non me esperaba este resultado final. E como actor moi orgulloso de ter participado nun traballo desta calidade.