HomeCulturaBota a andar o ‘Entroido Ribeirao 2023'

Bota a andar o ‘Entroido Ribeirao 2023′

Este pasado domingo, 5 de febreiro, Santiago de Arriba recuperaba o esplendor de anos anteriores á pandemia co seu ‘Domingo Lambedoiro’ no que houbo un gran ambiente e déronse cita varios entroidos convidados.

Publicado o

- Advertisement -

Santiago de Arriba, en Chantada, viviu onte, 5 de febreiro, unha gran tarde de entroido coa celebración do ‘Domingo Lambedoiro’ no que non faltaron as figuras propias do lugar como son os Maragatos e os Volantes, portando de cando en vez algúns deles o fermoso e característico ‘Pucho’. Ademais, ao longo da tarde tamén se escenificaron ‘Os Oficios’, unhas representacións satíricas e de burla que corren a cargo duns actores e actrices moi especiais, ‘Os Mecos’.

O Moredo, a eira onde se desenvolve todo, estivo ateigada de xente. Os compoñentes do Entroido Ribeirao estiveron moi arroupados de público e tamén dos entroidos convidados: Asociación de Fulións Rurais de Viana do Bolo, e Troiteiros de Bande. Tamén estaba convocado o Oso de Salcedo pero ao final non fixo acto de presenza.

Ao longo da tarde houbo ocasión de ver os Volantes dando chimpos e lucindo dous Puchos, un deles de grandes dimensións; de ver en acción a dous Boteiros de Viana do Bolo danzando ao son do seu fulión e tamén aos Troiteiros de Bande cos seus traxes e máscaras características. De cando en vez, despexábase a parte central do Moredo para poder ver as disparatadas interpretacións dos ‘Oficios’. Unha delas foi dedicada aos limpabotas que emporcaron caras e pernas de varias persoas do público e noutra lembrouse a polémica máis mediática das últimas semanas, a canción de Shakira a Piqué.

Os Oficios: Os limpabotas. Foto: Marga M.
Boteiros e Fulión de Viana do Bolo. Foto: XMF
Boteiros / XMF

Cando anoitecía procedeuse a dous sorteos, un deles con rifas que os organizadores, a Asociación Amigos do Entroido Ribeirao, agasallan ao público asistente; e outro no que se sortean 3 premios coas rifas que se venden para axudar a financiar o Entroido. Os agasallos e premios son ceas e produtos que doan diferentes establecementos de Chantada. Os números xogados nestas últimas rifas serven para os catro que se fan ao longo de todo o Entroido (5, 12, 19 e 21 de febreiro).

Unha das rifas cos sorteos correspondentes

PROGRAMA POR DIANTE

Rematada esta xornada inaugural do Entroido Ribeirado quedan aínda por diante outros tres domingos e o Martes de Entroido para gozar desta manifestación entroideira tan ancestral e popular das Terras de Chantada.

12 de Febreiro, a partir das 16:00 h. celebrarase o ‘Domingo Corrededoiro’.

19 de Febreiro, a partir das 16:00 h. celebración do ‘Domingo de Entroido’.

21 de Febreiro, a partir das 16:00 h. terá lugar o ‘Martes de Entroido’ pero xa non no Moredo, se non nas polas rúas de Chantada.

Para saber máis deste entroido pódese recuperar unha reportaxe do 2019 que fixemos en Xornal de Lemos.

Volantes chimpando. Foto: Marga M.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...