HomeCulturaA Pobra do Brollón acolleu 34 actividades da subvención Territorio Cultura

A Pobra do Brollón acolleu 34 actividades da subvención Territorio Cultura

A subvención Territorio Cultura é xestionada pola Xunta de Galicia a través de Agadic, ao amparo do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation. A achega foi concedida a principio de ano ao Concello da Pobra do Brollón, que resultou terceiro na listaxe de puntuacións dun total de 27 concellos presentados.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Dende xaneiro ata finais de agosto, unha intensa programación cultural tivo lugar por todo o municipio da Pobra do Brollón. Foron un total de 34 actividades culturais repartidas entre máis de vinte localizacións, que abarcaron once parroquias e aldeas. Incluíron diversas disciplinas tales como música, cinema, danza, artes plásticas ou divulgación científica.

Toda a programación estivo atravesada polo fomento da participación de veciñas e veciños, principalmente nas foliadas guímaras e nos obradoiros de brindos, mais tamén noutras actividades como as andainas veciñais, os obradoiros infantís de verán ou o obradoiro-mural realizado recentemente en Salcedo.

Outro dos obxectivos que se perseguía foi o da deslocalización das actividades culturais. ‘Para nós é fundamental esta programación a pé da veciñanza; ir buscar á xente para fomentar que quen non teña tanta facilidade de desprazamento poida tamén participar na vida comunitaria e cultural,’ sinala Xosé Lois Maceda, rexedor brollonés.

A meirande parte das actividades realizáronse en dependencias municipais e locais sociais veciñais, mais tamén en lugares de especial interese patrimonial como o Castro de San Lourenzo en Cereixa, as adegas medievais de Vilachá ou a Igrexa de San Xián en Veiga. 

Outro dos trazos que atravesou toda esta programación cultural foi a súa perspectiva inclusiva. ‘O ciclo Novas Músicas Galegas amosa o noso compromiso coa igualdade de xénero, mais non só,’ sinala Noelia Besteiro, concelleira de Cultura, Benestar e Igualdade. ‘Nos obradoiros de brindos, realizados por un colectivo de improvisación oral abertamente inclusivo, e no festival Brindadeira, a igualdade de xénero foi unha constante tanto nas formas como nos contidos,” apunta.

O brindo foi un dos grandes protagonistas da programación, con obradoiros nos bares, o festival de improvisación oral Brindadeira, e charlas divulgativas. ‘O brindo é un elemento importante do noso patrimonio inmaterial e temos a obriga de recuperalo, darlle sentido na sociedade contemporánea,’ comenta Xosé Gago, técnico de cultura do Concello da Pobra do Brollón. ‘É un reto porque ten particularidades fronte a outros elementos patrimoniais nos que temos máis experiencia, mais que haxa hoxe novas brindeiras, froito dos obradoiros deste ano, é un orgullo’. 

Dende o equipo de goberno valórase moi positivamente a programación e a achega en xeral, malia que suxiren de cara a futuras convocatorias da subvención Territorio Cultura que se conceda máis tempo de execución, para así desestacionalizar as actividades. ‘En concellos como o noso, tratamos de manter programación continuada ao longo do ano,’ sinala Maceda. ‘Cremos que sería moi positivo que o prazo de execución desta achega fose anual e non de oito meses como foi este ano’

ÚLTIMAS

A asociación ‘Chantada contra o cancro’ anima a inscribirse na súa andaina solidaria

Conta atrás para a andaina solidaria que organiza dende hai 5 anos a 'Asociación...

O 5 de novembro Monforte inicia campaña para a mellora de xestión de residuos

O Concello de Monforte inicia esta semana unha campaña informativa entre a cidadanía de...

Os polos de emprendemento da provincia recibirán 650.000€ da Xunta o vindeiro ano

Os polos de emprendemento da provincia atenderon desde a súa posta en funcionamento, hai...

Alumnado dos Escolapios de Monforte visita a Casa Consistorial

Os escolares tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións municipais e o Salón de...