HomeCulturaRegresan ao Museo Pazo de Tor pezas da liñaxe dos Garza

Regresan ao Museo Pazo de Tor pezas da liñaxe dos Garza

A Rede Museística Provincial de Lugo vén de recibir unha doazón para o Museo Pazo de Tor de Javier Rey Docampo, neto de Paz Taboada de Zúñiga, tía de María Paz Taboada, última residente e propietaria do pazo, ubicado en Monforte de Lemos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As pezas doadas ao Museo Pazo de Tor pertenceron á liñaxe Garza e nalgún momento estiveron no Pazo de Tor ou en casas que pertencían aos seus descendentes; polo que completan a ampla colección de obxectos que pertenceron á familia ao longo dos séculos.

A deputada de Cultura, Iria Castro, agradeceu a xenerosidade de Javier Rey Docampo e valorou que, “o legado iniciado por María Paz Taboada, ao doar o Pazo de Tor para que se convertese en Museo e preservar a historia da liñaxe da súa familia, ten agora continuación con este acto”.

Entre os bens doados, destacan unha estatua dun xacente funerario de comezos do século XV, que resulta unha figura imprescindible para rastrexar e poñerlle cara aos inicios da liñaxe dos Garza, “hai constancia, tanto escrita como oral, de que esta peza estivo moitos anos no Pazo de Tor e que agora se atopaba na casa onde vive o doante”.

Outra das pezas especiais que completan a historia da familia e da que tamén había constancia documental, é a cama de campaña que empregou don Francisco Quiroga Taboada no século XVII. Destaca tamén o dormitorio completo de dona Paz Taboada de Zúñiga, mobiliario que conta coa heráldica dos Zúñiga que vestiu todo un dormitorio completo de finais do XIX.

Completan a doazón un lavabo, un braseiro, farois de coches de cabalos, un retrato, pezas de Gundivós, fotografías, libros, árbores xenealóxicas, documentación sobre o Pazo, abanos, peites ou tapices, entre outras. Nas vindeiras semanas, os bens doados serán tratados e restaurados para incorporarse as distintas estancias do Pazo de Tor.

A historia do PazoAs orixes do Pazo de Tor están ligadas á liñaxe dos Garza no século XIV e a súa posesión mantívose en mans dos seus descendentes directos ata a súa derradeira propietaria, María Paz Taboada que fixo doazón da propiedade á Deputación Provincial de Lugo.

O edificio foi construído a finais do século XVIII dentro do estilo barroco, pero tamén conta cunha estética neoclásica, visible na súa sobriedade, simetría e emprego das ordes clásicas. Os elementos decorativos concéntranse nas fachadas e a organización interna do edificio diferencia claramente un baixo de servizo que alberga as dependencias necesarias en toda facenda agropecuaria (cocheiras, adegas, cortes, tullas, vivenda dos criados e caseiros…) e un primeiro andar reservado a residencia dos donos do pazo.

A Deputación Provincial de Lugo musealizou o espazo no 2006 tras levar a cabo diferentes melloras. Na actualidade pode visitarse o seu interior e o seu patrimonio material.

ÚLTIMAS

O empresario orixinario de Pantón, Gerardo Rodríguez, segue levando o sabor de Galicia a Madrid

Anos despois seguíulle dando forma ao seu proxecto e puxo en marcha no 2018...

Detidos dous veciños de Sober por roubar un martelo hidráulico das obras da A-6

A Garda Civil detivo a dous veciños de Sober de 32 e 40 anos de idade...

O concello do Incio contará cunha nova área recreativa en Trascastro

A actuación vaise desenvolver en dúas fases. Na primeira delas, o alumnado está a...

O BNG de Taboada demanda actuacións urxentes na N-540 e chama a unha manifestación o 3 de maio

O grupo municipal do BNG de Taboada vén de presentar unha moción que será...