Dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Concello de Monforte programa para este xoves ás 20:15, a posta en escena da obra para adultos Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana, obra escrita por Gary Owen, dirixida por Sara Rey e interpretada por Alba Caneda. O prezo da entrada xeral para esta obra é de 5 euros e de 3 para desempregados, xubilados e estudantes.
A obra é unha revisión contemporánea do mito clásico de Eurípides. Unha brillante versión premiada como mellor texto do 2015 nos UK Theatre Awards for Best New Play. Agora chega por primeira vez a Galicia e en galego este emocionante e necesario monólogo que fala das consecuencias dos recortes sociais a través da vida da súa protagonista de clase baixa. Unha personalidade magnética, directa, que nos amosa sen filtros e con humor a humanidade que se esconde tralas colas na atención primaria, recorte de camas hospitalarias, ausencia de médicos… Unha historia de sacrificio, dignidade e esperanza.
A seguinte obra do ciclo de teatro será Soño dos vagalumes do grupo Teatro Universitario Universidade Laboral de Ourense que terá lugar o xoves, 11 de abril, no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo a entrada gratuíta.

