O sábado 24 de novembro ás 17:00 horas inaugúrase no Centro Sociocultural de Bóveda a exposición fotográfica “Macros do entorno” de Susana Árias González, que se poderá ver ata o 24 de decembro
Mentres remata os últimos detalles para a exposición, Susana saca un pouco de tempo para respondernos a unhas preguntas e así coñecer un pouco máis acerca dela e da súa exposición.
Como comezou no mundo da fotografía?
Comecei na fotografía pola miña contorna. A miña parella e moitos dos meus amigos comparten esta afección. Pasábanse o día sacando fotos a todo e eu acompañábaos, así un día tras outro. Eu non tiña cámara, así que o día que a miña parella cambiou a súa eu quedeime coa que el tiña e comecei a sacar as miñas primeiras fotos. Así foi como me afeccionei a este mundo.
Canto tempo lle dedica a esta afección?
Agora que traballo pouco, porque non teño case tempo, algún día que libro ou algunha fin de semana, voume facer fotos, pero traballando é máis complicado. Antes de atopar traballo podía pasarme horas sacando fotos, algunha vez teño esperado 20 minutos a que o insecto ao que quería fotografar pousásese na folla para poder enfocar e sacar a foto.
De que trata a exposición e en que se inspirou?
Trata da natureza, do que teño o meu redor todos os días, as cousas que vexo cando vou camiñando e gústanme fotográfoas. Son imaxes feitas desde moi preto cun obxectivo especial chamado macro. Algo que recolle ben o nome da miña exposición “Macros do entorno”
Canto tempo tardou en conseguir todas as fotos que se poderán ver na exposición do sábado 24?
Fun xuntando fotos que realicei desde que comecei nisto, fai dous ou tres anos, ata agora
Que foi o que lle animou a expoñer?
O mesmo que me fixo comezar con esta afección, a xente que teño máis preto de min, sempre me dicían; porque non as expós?, pero nunca me daba decidido, xa que non consideraba que fosen fotos que se puidesen expoñer.
Tamén me animou ter un colexio preto, creo que é unha forma de que os nenos poidan coñecer como é a natureza, que poida ver un vagalume, unha libélula, unha bolboreta…
Gustaríalle expoñer noutros lugares?
Non me importaría, as imaxes están para ver. Sempre que lle guste á xente non tería problema. Que as miñas fotos gusten ás persoas que vaian a ver a exposición é algo que me agradaría moito.
É a primeira exposición que realiza e gustaríalle facer máis?
Si, é a primeira. Gustaríame facer máis; din que despois dunha vén outra, así que non me importaría. Custa dar o paso, pero unha vez que expós e ves as fotos preparadas anímaste a facer máis.