O acto, que tivo lugar na sede do IEGPS (San Roque, 2, Santiago de Compostela), contou coas intervencións de Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, investigador do CSIC e director do IEGPS; Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, profesor ad honorem do CSIC no IEGPS; Pablo E. Vázquez Leal, xerente do IEGPS e da Delegación do CSIC en Galicia; Antonio Platero Comesaña, bolseiro JAE Intro ICU do CSIC no IEGPS; e Manuel Bellod e Álvarez de Lorenzana, propietario do Pazo de La Cuesta.
“O IEGPS, instituto de investigación mixto ou de titularidade compartida entre o CSIC e a Xunta de Galicia, ten como misión a análise do patrimonio e o seu papel na configuración dos sinais identitarios de Galicia e da sociedade galega desde os séculos medievais ata a actualidade. Ademais, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, identifica ao IEGPS como un dos órganos consultivos en materia de bens culturais”, explica Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, quen engade que “cultivamos desde hai décadas a denominada Historia Social do Poder, área disciplinar con numerosas ramificacións e inmensas posibilidades de desenvolvemento, a partir principalmente do estudo e a edición de fontes diplomáticas, epigráficas e heráldicas, que inciden directamente na revalorización e posta en valor do patrimonio monumental, artístico e documental, por canto posibilita explicacións e contextos precisos de non poucas parcelas estimables do mesmo. Neste contexto científico e de prestixio institucional, enmarcouse a colaboración, a través dun contrato de apoio tecnolóxico, do IEGPS co Pazo de La Cuesta”.
“O obxectivo xeral era acreditar, con evidencia empírica incontestable, o inicio -coa maior concreción posible- da elaboración de viño na outrora nomeada casa de la Cuesta, cuxas orixes construtivas parecen remontar a mediados do século XVI”, explica Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, quen destaca que “no ámbito do patrimonio documental señorial, o equipo de profesionais, investigadores e técnicos do IEGPS, móvese como peixe na auga, pois somos un grupo de historiadores que domina o manexo da documentación tardomedieval e moderna de Galicia. As escrituras ou manuscritos ofrécennos as evidencias que permiten construír o relato histórico científico, alleo a fábulas, patrañas, rumbos ou falsidades. Sempre repito que a formación paleográfica e humanística en xeral é esencial, porque sen documentos non hai historia”.
Desde a incorporación ao IEGPS a mediados dos noventa de Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, o seu anterior director ata a súa xubilación en 2022, o IEGPS liderou numerosos proxectos e contratos de investigación vinculados ao señorío, identidade e as redes de poder en Galicia desde a Idade Media, destacando a súa produción científica na elaboración de repertorios documentais e prosopográficos das liñaxes medievais galegas, dos seus signos de identidade e da súa pegada patrimonial nos séculos medievais e modernos.
“A xestión do depósito deste arquivo do Pazo de la Cuesta derivou da necesidade de contar no IEGPS cos documentos necesarios para a elaboración dun informe científico-técnico solicitado por de Manuel Bellod para acreditar a historicidade da elaboración de viño no pazo. Este servizo tramitouse por unha oferta de prestación de servizos no ano 2021. A partir deste informe viuse a necesidade e interese da edición dos dous documentos que acreditan a elaboración de viño en la Cuesta polo menos desde 1608, razón pola que se subscribiu con Manuel Bellod, como signatario de Pazo, un contrato de apoio tecnolóxico en novembro de 2023”, explica Pablo E. Vázquez Leal, xerente do IEGPS.
“Sospeitabamos que estabamos ante unha adega de gran antigüidade, evidenciada polas numerosas construcións e equipamentos antigos que claramente se utilizaron hai moitos anos na elaboración de viño. A nosa sorpresa foi maiúscula ao descubrir, grazas á investigación do CSIC, que se trata, ata que se probe o contrario, da adega familiar máis antiga de Galicia e unha das máis antigas de España”, engade Manuel Bellod e Álvarez de Lorenzana.
O Pazo de la Cuesta e o seu arquivo
Sobre unha leira de 40 hectáreas atópase no municipio lucense de Ribas de Sil o Pazo de la Cuesta. A actual construción, de estilo colonial e palaciego, de gran vistosidade, débese ao matrimonio formado por Manuel Batanero de Montenegro e Pastoriza Flórez de Losada e Quiroga, quen emprendeu a tarefa de renovar a antiga casa solariega cuxa existencia testemuñan os diferentes documentos presentes no arquivo do Pazo, xa no século XVI.
“A propiedade cristaliza no ano de 1608 tras o testamento realizado por Álvaro de Gon e Somoza a favor do seu neto o capitán Álvaro de Losada e Somoza, e desde a súa fundación pertenceu sempre á mesma familia durante 14 xeracións, todas elas perfectamente documentadas. Na actualidade é posesión de Manuel Bellod e Álvarez de Lorenzana, que no ano 2020 asume o compromiso de devolver o prestixio de outrora ao pazo, o seu viñedo e os seus viños”, explican desde o IEGPS.
O fondo documental do seu arquivo ascende a 48 caixas de documentación e varios libros de contas, que suman no seu conxunto máis de dous mil escrituras manuscritas cunha cronoloxía que abarca desde a primeira metade do século XVI ata o primeiro terzo do século XX. A documentación máis antiga, ata ben entrado o século XVIII, esténdese por un ámbito xeográfico do interior de Galicia (fundamentalmente os municipios de Ribas de Sil, Quiroga,
O Incio, O Barco de Valdeorras, San Xoán de Río, Castro Caldelas e Ceboliño, en Pereiro de Aguiar), na que atopamos liñaxes como os Somoza, Flórez, Losada ou del Valle. A partir de finais do século XVIII, as diferentes unións matrimoniais dos propietarios do Pazo vincularán a la Cuesta outras importantes familias como os Batanero, Quiroga ou Maseda, que propiciarán que a documentación se estenda a outros lugares de España como Estremadura, Madrid ou Santiago.
Entre os documentos entregados atópanse partixas, testamentos, escrituras de compra e venda, foros, arrendamentos, apeos, executorias de preitos, apuntamentos xenealóxicos e tamén a documentación persoal do comandante de aviación Ricardo Bellod Keller, avó do actual dono e un dos primeiros aviadores españois, así como documentos e planos vinculados ao ferrocarril e á súa entrada en Galicia por esta parte da provincia de Lugo.
“Trátase, en definitiva, dun conxunto documental moi rico non só pola cronoloxía que abarca, senón que tamén pola súa variedade. Desde unha documentación que debemos entender dentro do contexto da administración do patrimonio familiar que nos leva a varias casas solariegas da Galicia rural e a outras situadas nas urbes galegas como a Casa Batanero da Avenida da Mariña-Praza de María Pita de Coruña, ou a casa do Casino de Santiago de Compostela, propiedade da familia; aos arquivos persoais dalgúns dos familiares e donos do pazo como Blas Batanero Hernández, xuíz nas cidades de Badaxoz e Coruña; o seu fillo Manuel Batanero de Montenegro, deputado a Cortes polo Partido Conservador nos anos setenta e oitenta do século XIX e avogado de S. M. a raíña Isabel II; Joaquín Maseda e Díez de Robles; Manuel Batanero Flórez de Losada; ou o propio aviador Ricardo Bellod Keller, falecido nos anos trinta do século XX nun tráxico accidente de avioneta na leira de “A Abadía”, situada xusto fronte ao pazo”, explican desde o equipo de investigación. “O conxunto documental que foi instrumento para a administración dun patrimonio e a xustificación de dereitos diversos adquiren agora a condición de refuxio da historia familiar e, en consecuencia, da historia social dun conxunto amplísimo de persoas, lugares, situacións… de todo tipo, condición e procedencia”, avanza Antonio Platero Comesaña, bolseiro do IEGPS, Programa JAE Intro ICU do CSIC, que realizou unha primeira limpeza, clasificación, ordenación e instalación dos documentos no IEGPS.