HomeCulturaA Asoc. Rechouchíos de Taboada creará un fondo de traxe tradicional galego

A Asoc. Rechouchíos de Taboada creará un fondo de traxe tradicional galego

O proxecto será posible grazas a un acordo coa Deputación de Lugo que contempla unha achega de 4.000 euros en tres anualidades para financiar a confección de traxes tradicionais galegos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Presidente da Deputación da Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio de colaboración coa representante da asociación Cultural Rechouchíos, María del Carmen Vila Fontao, para apoiar a creación dun fondo de traxe tradicional galego e contribuír así a preservar unha parte esencial da nosa identidade cultural. No acto estivo presente tamén o alcalde de Taboada, Roi Rigueira.

O máximo representante do ente provincial comentou que “esta achega permitirá a confección das distintas pezas que compoñen o traxe rexional e dotar ao colectivo taboadés do equipamento necesario para seguir o seu labor na preservación e fomento da cultura galega en diversas actividades culturais e festivas, tanto en Taboada como na súa bisbarra”.

O financiamento deste proxecto é de 12.000 euros distribuídos en tres anualidades, cun importe económico de 4.000€ para os anos 2024, 2025, e 2026.

Sinatura do convenio no Pazo de San Marcos. Foto: Prensa Deputación de Lugo.
RECHOUCHÍOS, UNHA ENTIDADE CULTURAL QUE MEDRA

A asociación cultural Rechouchíos, fundada en 2014, ten como principal obxectivo a recuperación e o fomento da cultura tradicional galega. O colectivo, que conta con 50 socios de idades comprendidas entre 3 e 80 anos, organiza e desenvolve unha ampla gama de actividades culturais, educativas e de divulgación ao longo do ano. Estas actividades inclúen música, baile, artesanía e a recuperación da indumentaria tradicional, contribuíndo á dinamización e á valorización da cultura galega na zona do sur da provincia.

O mandatario provincial tamén destacou que o apoio económico da institución provincial permitirá á asociación Rechouchíos cubrir as necesidades derivadas do recente aumento de membros. “O investimento permitirá que a entidade continúe desenvolvendo o seu labor educativo e cultural, garantindo a participación activa da comunidade en eventos festivos e culturais, e fortalecendo o achegamento ás novas xeracións a súa herdanza cultural”, dixo.

Nos últimos dous anos a asociación triplicou o número de membros, especialmente entre os máis pequenos, grazas á creación de aulas infantís. Este aumento xerou a necesidade de adquirir nova indumentaria para asegurar que todos os integrantes dispoñan do equipo axeitado para participar en actividades culturais e festivas.

A principios de xullo tiveron unha especial participación en Sestao, no evento coñecido como “Galicia pueblo a pueblo” (Herriz Herri) e dedicado este 2024 ao Concello de Taboada. Presentouse a localidade como “Taboada porta da Ribeira Sacra” ofrecendo degustacións de produtos como o viño ou o Caldo de Ósos, facendo unha simulación de ‘Queima de fachas’ a cargo da Asociación Cultural As Fachas de Castelo, e demostrando o mellor da nosa música e bailes tradicionais co bo facer da asociación Rechouchíos.

Asoc. Rechouchíos en Sestao (xullo 2024). Foto da entidade.
ELABORACIÓN DE TRAXES TRADICIONAIS

A asociación realizará o proceso de elaboración dos traxes en tres anualidades, en xornadas abertas a participación de toda a cidadanía. Estas sesións contarán con asesoramento profesional en corte e confección para deseñar e planificar as pezas co material necesario previamente adquirido. No caso das prendas máis complexas de confeccionar serán os profesionais os que se encargarán da súa elaboración. Cada traxe completo incluirá varias pezas, adaptadas para mulleres, nenos e homes, como saias, mandís, dengue ou xustillos, pantalóns, polainas, faixas, chalecos e monteiras.

ÚLTIMAS

Corais para dinamizar o Courel e axudar a reconstruír o ‘Museo Xan de Vilar’

Úrsula Rial é unha rapaza orixinaria de Nigrán que chegou ao Courel no 2022,...

Na madrugada do 3 de abril cortarase o subministro de auga ao núcleo de Monforte

Dende o Concello de Monforte informan da interrupción do suministro de auga durante este...

45.000€ para axudas á natalidade neste 2025 no Concello de Chantada

O Concello de Chantada convoca axudas á natalidade para este 2025 que se publicaron...

Ordenación do tráfico do 2 ao 6 de abril pola celebración das festas de Carud en Monforte

Procederase ó corte das rúa Sober e entrada á Pinguela e rúa e praza...