A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Cultura, colabora un ano máis na organización do Festival dos Eidos, unha cita cultural organizada pola Fundación Uxío Novoneyra na aldea de Parada do Courel. A cita cultural terá lugar do 23 ao 25 de agosto e contará con recitais de poesía, exposicións, música e mesmo rutas ornitolóxicas.
A deputada de Cultura Iria Castro, o xerente da Fundación Uxío Novoneyra Uxío Novo e a presidenta da fundación Branca Novoneyra veñen de presentar o devandito festival no Pazo de San Marcos, unha cita que naceu para lembrar a obra de Uxío Novoneyra e particularmente o poemario Os Eidos, que celebra o 70 aniversario da súa primeira edición.
Iria Castro puxo en valor o traballo da Fundación Uxio Novoneyra e lembrou “a colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa entidade para contribuír á súa labor de divulgación da obra de Uxío Novoneyra que é tamén unha labor de dinamización cultural e social do Courel e unha labor de proxección fóra das nosas fronteiras da nosa lingua, da nosa literatura e da nosa cultura, a través de programas e intercambios con outros países europeos”.
PROGRAMACIÓN IX FESTIVAL DOS EIDOS
O festival comezará o venres 23 de agosto ás 16:00 H. coa apertura da exposición “Romance de Manuel de Ribadaira”, de Manuel González Allere e continuará cun acto homenaxe ao poeta Carlos Oroza. A xornada continuará ás 18.30 horas coa presentación “Enciclopedia perplexidade”, unha antoloxía da obra poética de Antón Reixa na que participarán o autor e o poeta Xabier Cordal. A xornada rematará co espectáculo de Leo Matamá, “Verba estirpe” e os concertos de Dúbida e Familia Caamagno.
O sábado comezará con rutas ornitolóxicas na contorna da aldea de Parada, guiadas polo biólogo Xavier Vázquez Pumariño, e a continuación Antón Lopo e María Sanchez manterán un coloquio encadrado no programa “Afinidades electivas” do Ministerio de Cultura. O espectáculo musical e poético Kennebec pechará a xornada matinal.
A partir das 18 horas está previsto o recital dos poetas galegos Luz Pichel, Isaac Xubín e Brenda Alborada xunto ao portugués André Tecedeiro, e o espectáculo musical “Popsía” de Fran Amil. O artista Iván Torres co recital “Alta montaña” e o DJ Tristón pecharán a xornada.
O domingo 25 farase a partir das 10.30 horas un percorrido guiado pola arquitectura tradicional da man de Xosé Alegue e continuarase coa presentación dunha nova edición de “Os eidos”. O programa péchase co espectáculo “Literatura afinada” e a actuación do músico Sergio Canay.
Os asistentes contarán ademais cun servizo de transporte lanzadeira de Seoane a Parada con horario de volta de mañá, tarde e noite.