As protagonistas desta iniciativa na que o Museo Pazo de Tor serviu de inspiración para os diferentes proxectos creativos, son Mónica Trastoy (Vilalba, Lugo, afincada en Barcelona. Licenciada en Belas Artes cunha ampla traxectoria expositiva e recoñecementos); Ana Arregui (Osuna, Sevilla, residente en Madrid. Licenciada en Belas Artes e Máster en Arte e Tecnoloxía. A súa obra céntrase na identidade, o xénero e a experiencia individual, desafiando a representación tradicional do retrato); Miguel Benjumea (San Fernando, Cádiz. Artista e investigador, doutor en Belas Artes. O seu traballo explora as tensións históricas e cartográficas na definición do territorio); e Luciana Rago (San Juan, Arxentina, afincada en Madrid. Licenciada en Artes Visuais e Máster en Investigación e Creación en Artes. Ten exposto en prestixiosos centros de arte).
O resultado da súa estancia en Tor pódese ver na mostra que o 8 de agosto se inauguraba no Pazo de San Marcos e que tamén acolle unha representación das obras de artistas galegos que participaron en residencias artísticas nos museos provinciais ao longo dos últimos anos no marco do programa “Estudio Aberto”.
A iniciativa complétarase coa edición dun catálogo recopilatorio que documentará a traxectoria de “Estudio Aberto”, os procesos creativos desenvolvidos, así como o impacto e compromiso da Rede Museística Provincial co patrimonio cultural, os dereitos culturais e a accesibilidade.
Emocións de Soledad Penalta e Escrita no remoto
Coincidindo con este reencontro de artistas en Tor, presentouse o catálogo da exposicion “Emocións” da escultura Soledad Penalta, que documenta a mostra que puido verse os pasados meses de agosto e setembro no Museo Provincial de Lugo cunha selección de vinte pezas de gran formato que capturan a esencia e a destreza da súa produción dos últimos anos.
No acto participou tamén o poeta, tradutor, escritor e xornalista palestino-sirio, Mohamad Bitari, que participa na residencia Escrita no Remoto, unha iniciativa conxunta da Área de Cultura da Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial e da Fundación Uxío Novoneyra que busca promover a creación literaria contemporánea en diálogo co territorio, a memoria e o patrimonio cultural. O autor pasa esta primeira quincena en Tor e a segunda na Fundación Uxío Novoneyra en Parada do Courel

Reencontro residencias artisticas no Museo Pazo de Tor, visita Iria Castro / Vicepresidencia Deputación Provincial