HomeCulturaO Folión de Carros de Chantada, un soño para viaxar á infancia

O Folión de Carros de Chantada, un soño para viaxar á infancia

O Concello de Chantada celebra ata o martes, 26 de agosto (festivo local), as súas Festas Patronais na honra á Virxe do Carme, que o sábado pola noite acollían un dos seus actos centrais, o Folión de Carros, Festa de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural (BIC).

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O desfile do Folión de Carros comezaría ás 23:00h., pero xa pola tarde se pudieron coñecer os carros que estiveron a exposición na Avenida de Ourense desde onde partiu o desfile e a onde chegaron desde o Mercado Gandeiro. Tamén durante a tarde celebraríase a IX Foliada Carroceira do Folión de Carros coa participación da Agrupación tradicional da Casa da Música de Chantada, a Banda de Gaitas de Chantada, Os Barrios, Searas, Asociación Sociocultural Falcatrueiros, O Trespés, Os Xílgaros de Lugo e Dakidoasma.

Os 14 carros participantes nesta edición desfilarían tamén pola rúa Mariano Cedrón e a Avda. de Monforte, ante a curiosa mirada das persoas que ateigaban as rúas do desfile que remataría na Praza de Galicia, onde se desenvolvería o pregón das Festas Patronais de Chantada.

Roberto Fernández Álvarez, Doutor en Medicina pola USC e fillo de Don Xilberto de San Pedro, persoa moi vinculada á tradición do Folión de Carros; ofreceu un emotivo pregón no que viaxou a través dos soños. Lembrouse do pesadelo que nos levou ao inferno coa vaga de incendios deste agosto e ofreceulle ao público asistente un fermoso soño de viaxe á infancia a través dos carros e da man de seu pai, comezando así: “Acabamos de asistir a unha sucesión de soños que pasaron encadeados por diante de nós levando dentro a representación simbólica da historia dun pobo. O soño da vendima de Belesar inzada de aturuxos. O soño dos carpinteiros, como o de Muradelle coas trenchas cegas.  O soño dos pedreiros e dos canteiros. O dos cachóns do Asma, onde a auga fai música…”

Folión de Carros 2025 / Concello de Chantada

O pregoeiro poríalle nome e apelidos á súa infancia en Chantada e lembraría noutro pesadelo a un profesor que lle anunciaba que faría un mal pregón e non era quen. Pero entre soños e pesadelos, seu pai, o Xilberto de San Pedro, entregaríalle o pregón co que pechou a intervención, un poema ao Carro feito polo seu antepasado en 1967.

Antes de coñecer os premios do Folión, o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, entregaría un agasallo ao pregoeiro.

Premios do Folión de Carros 2025

Os 14 carros participantes representarían diversos motivos tradicionais e todos debían de estar tirados por unha xugada de vacas ou de bois. O desfile comezou á súa hora, acompañou a climatoloxía e desenvolveuse de modo fluído e sen incidencias.

O xurado, integrado por unha vintena de persoas divídese no xurado do Folión, xurado de vacas e xurado de textos (que relatan os diferentes motivos dos carros), estableceu a seguinte clasificación xeral do Folión de Carros 2025:

  • 1: Herboristería Milenrama (Carro nº 1)
  • 2: Cine Yeca (Carro nº 3)
  • 3: Os cachóns do Asma (Carro nº 8 )
  • 4: Se as pedras falasen… (Carro nº 5)
  • 5: Rúa do Comercio (Carro nº 12)
  • 6: O ferreiro de Argozón (Carro nº 1)
  • 7: A feira das cabras de Merlán (Carro nº 11)
  • 8: Chegou o carpinteiro á casa da Cruz (Carro nº 2)
  • 9: Non hai tella que non teña o seu burato (Carro nº 13)
  • 10: A casa dos Ferraias na estrea da Muiñeira (Carro nº 9)
  • 11: Control de San Fiz (Carro nº 6)
  • 12: Pista de baile “A Penela” (Carro nº 14)
  • 13: Vendima na ribeira de Belesar (Carro nº 7)
  • 14: San Xoán, lume e maxia (Carro nº 4)

Nesta clasificación avalíanse tamén os carros tradicionais:

  • 1º Premio Carro Tradicional: Non hai tella que non teña o seu burato (Carro nº 13)
  • 2º Premio Carro Tradicional: Pista de baile “A Penela” (Carro nº 14)

Folión de Carros 2025 / Concello de Chantada

Asemade houbo recoñecementos para os seguintes carros:

  • Mellor memoria explicativa: Cine Yeca (Carro nº 3)
  • Mellor xugada (elegancia, vestimenta ou adornos): Rúa do Comercio (Carro nº 12)
  • Mellor trato animal: Vendima na ribeira de Belesar (Carro nº 7)
  • Mellor vaca/boi individual: Control de San Fiz (Carro nº 6)
  • Mellor manexador/a: Os cachóns do Asma (Carro nº 8 )
  • Mellor xugada 2025: Control de San Fiz (Carro nº 6)

Pouco antes das 2 da madrugada dábase por rematada esta edición do Folión de Carros á que seguiría a actuación da orquestra Tango. No palco do xurado e de autoridades contábase coa presenza de representantes da asociación organizadora, a Asociación Amigos do Folión; do alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela e doutros membros do equipo de goberno e da corporación municipal, representantes da Xunta de Galicia como o director xeral de Turismo, Xosé Merelles, entre outros, e representantes de diferentes asociacións de Chantada e da comarca.

O CARRO (poema de Xilberto de San Pedro. 1967)

Non sei se canta ou se chora,

soio sei que di que leva

na melancunía doce

do chilro do eixo a verba

dunha lembranza, saudades

dunha Galicia galega,

sober da que il somentou,

e fixo medrar ca rega

do seu sudor, o xermolo

dunha Galicia moderna,

desvencellada de xugos,

de escolas estataís cheia.

Sonoento, vello, encrenque,

pexado do asma e do reuma,

todo ainegazón e xenio,

todo vontade e pacencia,

no derradeiro viaxe

reventando vai, que leva,

co fuso do fiadeiro,

ca rebuldicia da sega,

co folgo do aturuxo,

a pelica da pandeira,

o grigrileio da gaita

i-o aire da muiñeira.

I-aló, no carozo mesmo

da sua coita segreda,

gardado pra íl, pra tomba,

xunto on cruceiro de pedra,

leva o eco do alalá

Folión de Carros 2025 / Concello de Chantada

ÚLTIMAS

Campaña promocional da IXP Pataca de Galicia con premios que consisten en experiencias na Ribeira Sacra

A IXP Pataca de Galicia vén de poñer en marcha a súa campaña de...

Lucía Pérez pregoará o 14 de marzo o II Cocido Gourmet Porco Celta do Incio

A cantante do Incio, Lucía Pérez, será a pregoeira da segunda edición do Cocido...

Ana Torrado do IES Río Cabe participa no programa Allá tú

Ana Torrado Martínez, alumna do Ciclo Superior de Aloxamentos Turísticos do IES Río Cabe,...

O 2 de marzo comeza a reparación da sillería da Ponte Medieval de Monforte

Trala obtención dos correspondentes permisos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio e da...