HomeCulturaX Festival dos Eidos, o 29 e 31 de agosto

X Festival dos Eidos, o 29 e 31 de agosto

Entre os poetas convidados a recitar nesta nova edición atopamos a Isolda Santiago, Jaume Coll Mariné, Oriana Méndez, Ildefonso Rodríguez, Inés López, Xabier Cordal, Nieves Neira, Petra Bauman e Mohamad Bitari. Este último está a preparar unha antoloxía d’Os Eidos que dará a coñecer a cerna da poesía de Novoneyra no mundo árabe grazas a Residencia ‘Escrita no Remoto’ que a FUN organiza co apoio da Rede Museística da Deputación de Lugo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Festival dos Eidos organizado pola Fundación Uxío Novoneyra coa colaboración da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, desenvólvese na casa natal do poeta Uxío Novoneyra en Parada do Courel.

Convócase anualmente a unha ampla comunidade de lectores e amantes deste libro cumio da literatura galega, especialmente identitario para os habitantes da montaña luguesa: Os Eidos. Libro do Courel. Obra poética clásica, publicada por vez primeira en Galaxia (1955) cando o poeta acababa de cumprir 25 anos, e para a que continuou escribindo durante toda a súa vida, compoñendo un libro en proceso que creou un territorio literario e identitario sostido por unha comunidade lectora interxeracional.

Ademais de conversas poéticas e recitais, outro momento destacado, que acontecerá o domingo 31 ás 12h no curral da sede da FUN, será a presentación dunha nova edición da biografía do poeta, A distancia do lobo, a cargo de Antón Lopo, biógrafo e editor, acompañado polo escritor e xornalista Manuel Jabois.

O venres ás 18:00h. poderase asistir á proxección audiovisual de Nacenza, do proxecto fotográfico de Amador Lorenzo acompañado coa sonorización gravada nunha soa toma a cargo do contrabaixista Juyma Estévez, un retrato inspirado na vida dos habitantes do Macizo Central de Queixa-Manzaneda.

Non faltarán as rutas patrimoniais de ‘Avistamento de paxaros’ que aparecen nomeados nos poemas do Libro do Courel,  que descubriremos na ruta decana da programación do festival guiada polo biólogo Xavier Pumariño, e unha ruta pola ‘Arquitectura de Parada’ guiada polo arquitecto Xosé Allegue, que despregará unha lectura das edificacións da aldea natal do poeta e porá en relación os topónimos e tipoloxías arquitectónicas que aparecen nos poemas d’Os Eidos.

As tres xornadas xornadas do festival gozarán de actuacións musicais na horta da Casa da Fonte, como denominan os veciños de Parada a casa natal de Novoneyra. Os grupos convidados a construír o espazo sonoro desta décima edición son: Furada, Moura, Lobeira, Loita Amada, Son de Corda e a cantante Nerea Vilaboa, que intervirá cunha acción musical para abrir a programación desta décima edición. As xornadas do venres e o sábado pecharán coas sesións dos Dj’s residentes nos Eidos, Tristón e Canay & Jimeno, e o sábado 30 ás 13:00h gozarase dunha escoita homenaxe ao recentemente finado Emilio Cao, emblemática figura musical e estreito colaborador de Novoneyra, xa que xuntos colaborarin no disco Amiga Alba e Delgada, un fito da música galega dos anos oitenta

ÚLTIMAS

A Oficina de Turismo de Chantada incrementa nun 10,5% os visitantes durante o verán

A Oficina Municipal de Turismo de Chantada despide a tempada de verán 2025 superando...

Aprobado o proxecto do trazado da última fase da autovía que une Lugo e Sarria

O Consello deu luz verde ao proxecto e ao estudo de impacto ambiental no...

CIG Saúde alerta da situación do servizo de pediatría no Hospital de Monforte

Aseguran desde CIG Saúde que levan meses denunciando a falta de man esquerda da...

A sostibilidade do turismo en Galicia: os riscos da turismofobia

O encontro ten por obxecto abrir un diálogo técnico, baseado en datos e achegas...