HomeCultura'Tempo de bruxas': xornada festiva na honra da 'Bruxa de Torbeo'

‘Tempo de bruxas’: xornada festiva na honra da ‘Bruxa de Torbeo’

Terá lugar o vindeiro 18 de outubro en Torbeo, no Concello de Ribas de Sil. Ademais, vense de anunciar a convocatoria dun concurso literario dedicado a Filomena Arias, coñecida popularmente como 'A Bruxa de Torbeo'.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O Concello de Ribas de Sil e a Asociación de Veciños de Torbeo (AVETO) organizan a primeira convocatoria do “Tempo de Bruxas”, un evento festivo-cultural que terá lugar o sábado 18 de outubro no núcleo de Torbeo.

A festa estará dedicada a Filomena Arias, coñecida como a Bruxa de Torbeo, unha figura popular que, na primeira metade do século XX, axudou a moitas persoas con problemas de saúde ou na procura de obxectos e mesmo de persoas desaparecidas. Considerada unha meiga branca, existen numerosas testemuñas da súa actividade, e mesmo aparece en obras destacadas da literatura galega, como Pauto do Demo, de Ánxel Fole.

“O vindeiro 8 de outubro farase público o programa completo, que incluirá un percorrido polos lugares máis significativos da vida de Filomena, conferencias, a entrega de premios dun concurso literario e outras actividades de carácter máis festivo”, comentan fontes do Concello de Ribas de Sil. Dentro do programa que se deseña “tamén se ofrecerá a posibilidade de xantar en Torbeo”.

I CONCURSO LITERARIO A BRUXA DE TORBEO

Dentro do evento “Tempo de Bruxas” os organizadores veñen de facer públicas as bases do concurso literario que está dedicado á protagonista, Filomena Arias –Bruxa de Torbeo–.

O certame contempla unha dobre vertente: unha infantil-xuvenil para menores de 18 anos, e outra para aquelas/es que sexan maiores de idade.

Respecto a participantes menores de idade, haberá dúas categorías: infantil (9 a 12 anos) e xuvenil (13 a 17 anos), sinalando as bases que está enfocado para estudantes de calquera dos centros educativos de Ribas de Sil, Quiroga, Folgoso do Courel, Pobra do Brollón, Pobra de Trives, San Xoán de Río e Castro Caldelas. Cada participante poderá presentar unha única obra, orixinal, inédita e non premiada anteriormente tendo que estar escrita en galego.

A temática deberá estar relacionada coa bruxería, a maxia, a meigaría, os feitizos ou as crenzas populares. Formato Infantil e Xuvenil: microrelato cun máximo de 300 palabras. Non se aceptarán traballos con outro formato ou extensión.

Na categoría de adultos poderán participar todas as persoas que teñan cumpridos os 18 anos o último día de presentación de traballos para este concurso. Cada participante poderá presentar unha única obra, orixinal, inédita e non premiada anteriormente e en lingua galega, castelán ou en calquera das linguas oficiais do Estado.

A temática deberá estar relacionada coa bruxería, a maxia, a meigaría, os feitizos ou as crenzas populares. O formato para persoas adultas é o relato breve, cun máximo de 1000 palabras. Non se aceptarán traballos con outro formato ou extensión. O texto debe ser orixinal e creado polo autor ou a autora.

As obras deberán entregarse antes do 11 de outubro a través do correo electrónico educacionecultura.ribasdesil@gmail.com e só haberá un premio por categoría. Para concursantes da categoría infantil-xuvenil o premio consistirá nun lote de libros e un diploma, e para a categoría de adultos o premio serán 200 € e un diploma.

Acceso ás BASES ao detalle.

ÚLTIMAS

O PP pídelle á Deputación reparto igualitario dos fondos

No documento que se elaborará coas achegas que realicen os representantes do PP de...

Presentado o cartel do ‘Xanela Fest’ que promove a operadora chantadina Xanela

Este venres 10 de outubro presentouse en Guntín o cartel do Xanela Fest, evento...

O PP anuncia no Parlamento que a Xunta investirá 30M€ no Hospital de Monforte, mentres o BNG reclama solucións ás listas de espera

A iniciativa nacionalista demandaba garantir a cobertura completa de prazas nos servizos con maiores...

“Habilidades e competencias para o emprego”, do 15 ao 17 de outubro no Centro Cívico de Monforte

Enmarcada no programa ALICIA-Activando la Igualdad, a actividade lévase a cabo en colaboración coa...