A xerente da Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL), Encarna Lago, advirte ao respecto da memoria colectiva, “o relato dominante pode crear falsas memorias compartidas e converter o esquecemento en hábito e o consenso en obediencia e aquí os museos temos unha tarefa urxente”, para axudar a construír un mundo mellor. E niso traballa cada día con cada proxecto, exposición, actividade e pensamento a Rede Museística Provincial, “Como institución pública a Rede sempre baseou o seu traballo no cumplimento dos Dereitos Humanos e no Dereito do Acceso á Cultura de todas as persoas. Non hai cultura democrática sen cidanía activa e nós estamos interpelando a toda a cidadanía, os museos comprometidos impulsamos unha cidadanía activa”, engade Lago.
Entramos na RMPL, que desenvolve unha tarefa urxente, abrir espazos de pensamento crítico, rescatar as voces silenciadas e defender o dereito a lembrar fóra das versións oficiais. Tira do fío, Encarna Lago, “O relato minoritorio é o dominante, o que se está ofrecendo para crear memoria colectiva. Temos a tarefa urxente de abrir espazos de pensamento crítico, rescatar as voces silenciadas e defender o dereito a lembrar fóra das versión oficiais. Nesa tarefa a complicidade artística foi brutal ao longo destes anos, con exposicións e artistas de todo tipo e disciplinas”.

Día Internacional das Mulleres Rurais
Sigo o fío, sempre moi unido ao proxecto de Soterradas, que destapa a vida do servizo no Museo Pazo de Tor, e chego ao Día Internacional das Mulleres Rurais. Este 15 de outubro o Museo Fortaleza de San Paio de Narla acollía actividades para visibilizar o papel das mulleres no rural. Incorporouse ao Museo o mostra “Mulleres das/nas aldeas”, de Carmen Porteiro, reflexos das realidades que son, familias integradas por distintas xeracións de mulleres vinculadas ao rural e de mulleres migrantes que hoxe coidan aos nosos maiores.

“Mulleres das/nas aldeas”
Tamén celebrando á muller rural incorpóranse a Soterradas os proxectos de dúas artistas: Ana Gil achega, A porta fechada, esa nena medio oculta coa pera da luz ao carón,…historias que non podían ser vistas, que non queren ser vistas. E Piares, corpos para conquista de Ana Arregui, os peitos brancos cheos de forza, que sosteñen e unen incrustados na pedra. Pezas contemporáneas que reinterpretan a historia e o papel da muller. A delicadeza desa gasa que ocupa o espazo no que hai anos descubrira a pezoeira. E maternidade e o coidado están agora nos espazos museísticos, “porque somos as que sostemos o mundo”, asegura Encarna Lago, xerente da RMPL.

A porta fechada de Ana Gil
Algunhas destas pezas son froito do (Re)encontro que se celebrou este verán nos museos da Rede. Unha proposta para volver a xuntar a creadoras e artistas que participaron das residencias artísticas que a RMPL organizou nas dúas últimas décadas. Así por exemplo, hai 13 anos comezaron as residencias de Estudio Aberto, unha aposta da Rede por abrir os museos tradicionais á arte contemporánea, “Estudo Aberto foi a presentación dunha creación viva e comprometida, unha aposta polo pensamento crítico e a diversidade de voces. Buscábase converter a provincia nun punto de referencia para a creación artística contemporánea. Viñeron artistas de México de Arxentina, Suecia…”, lembra Encarna Lago. Estábasecambiando o modelo de xestión dos museos e xa non era necesario falecer para que expuxeran a obra dun (daquela sempre sería un home). Abríanse os museos a unha arte máis accesible, tanto para o/a artista como para as persoas que acuden aos museos.
Este formato de residencias buscaba dar oportunidades a artistas locais e de fóra para compartir tempo, espazo e experiencia para crear, e despois poder expor. Paralelamente, as persoas coñecen e participan dos procesos creativos, “Son formatos de aprender a facer e a ser. Interesaba que a xente se incoporara a coñecer Lugo, as coleccións dos museos, a provincia; a coñecer os territorios e as xentes, e que a partir de aí se inspiraran”, explica Encarna. Sigo o fío, e no verán visitei a residencia do (Re)encontro.

Piares de Ana Arregui
Estudio Aberto e as residencias da RMPL
Paula Cabaleiro, Coordinadora da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas no Consello da Cultura Galega foi tamén a coordinadora deste (Re)encontro que acolleron os museos da Rede en agosto, “Un museo que quere estar ao dispor das persoas como pode estar de costas aos seus creativos, esa foi inquedanza de Encarna, escoitar as súas necesidades, e desde a Rede comezouse a dar amparo, lexitimar, comprar obras, facer catálogos,… e chegouse ao formato residencias”.
Neste Reecontro, no que Cabaleiro se reatopa cos museos, coa comunidade da Rede, coas artistas,…máis dunha década despois reflexiona, “A Rede ensinounos un modelo de xestión con anos de acompañamento, un lugar ao que volver que nos escoita. A Rede preocúpase do contexto ofrecendo espazos de crecemento mutuo no ámbito da arte contemporánea. Os distintos proxectos temporais atráente a ela”.

Miguel Benjumea (Re)encontro
Nese agosto cun sol de xustiza en Tor, Miguel Benjumea traballaba sobre a herba na peza que lle estaba inspirando a residencia, e pegado á terra creaba a simbiose con Domingo Fontán e o mapa que se atopa nunha das salas do Museo de Tor, a primeira carta xeométrica de Galicia. “Mapeamos e exploramos os distintos espazos da RMPL, eu céntrome no mapa de Fontán. 18 anos da súa vida dedicados a explorar e facer un rexistro tan minucioso, paréceme un acto de resistencia. Incríble o que fixo, agora que nos movemos en tempos de Google maps. Traballo en rexistrar algo que estaba oculto”.
E desde Arxentina, xa dentro das instalacións do museo e lonxe da calor abafante do exterior, Luciana Rago, tamén traballa sobre unha mesa en destapar o oculto nos museos a través da súa visión, e quédase coa recopilación das marcas dos picapedreiros en San Paio de Narla, “esa recopilación parece un alfabeto. Gústame o xesto que vincula ás personas cos oficios. Interésame o xesto como manifestación do individuo, fronte ó capitalismo que está borrando os sinais dos individuos e busca a homoxeización da linguaxe, das cidades, do individuo,… O xesto”.
Sempre me gustou a forma de usar as palabras, que teñen a expresión e o idioma arxentinos. E Rago sentencia, “a través da linguaxe da arte podemos abrir conciencias para que a xente entenda que cada persoa que morra non é un número”.

Luciana Rago
Preto da mesa de Luciana Rago, Ana Arregui sobre o chan preséntanos os seus peitos brancos, mentres nos conta que a experiencia das residencias da Rede marcou un antes e un despois no seu traballo por como a institución humaniza e dignifica o traballo de novas creadoras.
A artista que deixaría os seus peitos brancos a exposición en Narla este 15 de outubro, aseguraba en agosto reatoparse co cariño e o afecto co que se traballa desde a Rede, “O meu discurso xira en torno a identidade, o suxeto e o corpo. Nos últimos anos virei cara a muller e o corpo feminino, reivindicar a loita contra o patriarcado reivindicando o papel da muller. A RMPL sempre tivo un tono feminista e reivindicativo e en Tor, o proxecto de Soterradas, inspiroume”.
Tamén Soterradas foi o que impresionou a Mónica Trastoy, que participara na residencia do 2013, pero aínda non coñecía o Pazo ata que entrou “neste lugar inspirador cun formato especial para volver a conectar con aquelas vivencias”. E nese proceso Trastoy lévanos aos camiños comunicantes, “as escaleiras que suben da zona de servizo e chegan á zona noble e que só as utilizan as persoas do Pazo. Recollo a textura da madeiras nas zonas de transición e pásoas ao papel, a madeira vai cambiando e eu recollo esa pegada. Capturo de forma gráfica ese pequeno espazo. Este pazo trasládame a outra época e paréceme esencial comunicar esa vida das persoas que servían no pazo e as persoas que vivían na planta principal”.

Mónica Trastroy en (Re)encontro / Paula Cabaleiro
As artistas seguen elaborando as súas creacións en Tor e sigo o fío de Encarna Lago móvendose entre elas e lembrando os comezos daquela residencia de Estudo Aberto, “tratábase de democratizar o proceso creativo a través da participación en horizontalidade. As obras conceptuais para entendelas hai que formar parte do proceso desde a xénese e a Rede foi pioneira neste tipo de modelos de xestión”.
Un modelo de xestión que traballa co microscopio e o telescopio, co detalle do próximo e a inmensidade dos contextos, que pon en valor o patrimonio creativo da provincia e trae aos museos importantes representantes internacionais da arte e da cultura, que espalla por todo o mundo a riqueza do noso, “As institución deben de renovarse e renovar o seu relato, na Rede miramos 7 xeracións cara atrás e pensamos en xerar impacto ás 7 xeracións futuras. Traballamos co recordo, rozamos o corazón da xente que forma parte dos nosos proxectos. Trázanse redes de afecto dando importancia aos coidados, intentando acompañar. Sempre con boas prácticas e dignidade”.
Camiñando entre artistas e recordos chegamos ao 8 de agosto coa inauguración da exposición final, no Pazo de San Marcos, dos traballos realizados durante a residencia do Reencontro, aos que se sumaban obras de artistas galeg@s que participaron en distintas edicións de Estudio Aberto. Coa exposición, un catálogo documenta os procesos creativos desenvoltos ao londo destes anos.

(Re)encontro
Xeración Lugo da Rede Museística
Neste (Re)encontro, na inauguración desta exposición resoou un eco enorme e constante: Xeración Lugo da Rede Museística. Todas as persoas falaron da Xeración Lugo da Rede Museística pola cantidade de artistas que levan pasado por aquí. Creadores distintos en idades, en traxectorias, procedencias…, que comparten convivir e cocrear nos museos da Rede.
E este impulso de artistas contemporáneas locais foi logo fornecemento, e a RMPL non deixou de adquirir nos últimos anos pezas de artistas mulleres para completar as coleccións dos museos. Que sexan especialmente de mulleres non é unha casualidade, se a Rede insiste en corrixir as desigualdades, todas.

E aí, a Rede gusta de poñer o foco en que pasa se eres muller, migrante, no rural, con discapacidade e poucos recursos. Por iso tecen espazos inclusivos e accesibles que favorecen a participación e unha comunicación real e próxima. “Había a idea de que a Rede tiña que ser o aeroporto de todas as propostas para acabar coas desigualdes e hoxe falamos da Xeración Lugo da RMPL. Unha Rede só está viva se é capaz de coidar, escoitar e transformar”, reflexiona Encarna.
Coherencia: RMPL posiciónase sobre a situación Palestina coa residencia Escrita no Remoto
Desde que entrei en contacto coa Rede Museística Provincial e cos anos fun afondando nas experiencias que proponen, teño claro que hai coherencia, as palabras correspóndense cos feitos.
Encarna Lago refíerese á Rede como espazo de coidado e de resistencia, que trata de acompañar ás comunidades nos grandes retos, as desigualdades, a soidade, a migración,… e nesta edición de Escrita no Remoto, a residencia literaria que a Rede promove coa Fundación Uxío Novoneyra e que sempre acolleu a mulleres, nesta ocasión trouxo a un home. Mohamad Bitari, poeta, tradutor, escritor e xornalista palestino-sirio.
Esta residencia busca promover a creación literaria contemporánea en diálogo co territorio, a memoria e o patrimonio cultural. Bitar pasou quince días de agosto en Tor e outros 15 en Parada do Courel. O autor palestino está traducindo ao árabe a biografía que Antón Lopo fixo sobre Uxío Novoneyra e aquí imprégnase de emocións, paisaxes, vivencias que permiten unha tradución máis adecuada, por introducir o vivencial e cultural na colocación das palabras.

Ana Arregui e Mohamad Bitari / RMPL
Bitar leva anos en Cataluña traballando nun amplo proxecto para reconectar a lingua árabe coas linguas minoritarias da península. Tendo como base que a cultura é motor de cambio, a Rede quere visibilizar o momento histórico que vive Palestina e trae ao poeta a Galicia, “institucionalmente posicionámonos, a comunidade da Rede estaba ao seu carón. A arte é o que nos conecta con nós, co territorio, coa memoria. É compromiso e transformación, desde aí podemos pensar nun futuro compartido”, explica a xerente da Rede.
Birat asegura que en Galicia conectou con outro estilo de vida, compartindo o universo das letras, pregúntolle ao escritor palestino se pensou en cambiar o mundo desde a escrita? En poder solucionar a situación de Palestina escribindo?, a resposta é contudente e rápida, xa vivida, “A literatura non pode impedir conflitos, tampouco é a súa función, oxalá. A escritura e a filosofía necesitan os seus tempos, na política ou nos conflitos as accións son máis directas. Prefiro baixar a unha manifestación que escribir un artigo. A acción é máis importante. A poesía non se pode converter nun documento histórico, son disciplinas distintas. Pero ambas axudan a comprender mellor as realidades que acontecen”, lembra Birat.
Contemporaneizando o pasado e extendendo a Rede física e dixitalmente
O (Re)encontro é integral, a experiencia das residencias trascende a creación artística. Desde o momento en que participas do proceso formas parte da obra e da historia, e as residencias fanse sociais e íntimas, nesa fusión entre a identidade do ser humano e o interese xeral da colectividade. Que tranquilidade dá esa coherencia nun momento de contradicións e confrontacións. Mentres escribo escoito mentalmente a Encarna falando de contemporaneizar o pasado cos museos, como fixo Pamen Pereira con Soterradas en Tor, “Actualizamos todo o tempo o noso legado e mantémolo vivo, democratizamos a cultura, memoria colectiva, compromiso”.
Todo o que se fai nos museos da RMPL baséase na accesibilidade, a horizontalidade, a transversalidade, a igualdade real de oportunidades á hora de participar e interactuar coa Rede. Con eses piares todo está en todo. Así que a enerxía expansiva de Estudio Aberto, das residencias, da creación contemporánea local fúndese con 113+ migración, ese proxecto da Asociación Rioplatenses de Lugo e a Red Museística Provincial, dentro do programa Culturas en Diálogo. Con fotografías de Evelin Ruiz Crego, 113+ descobre un Lugo con 126 nacionalidades censadas.
Ter unha provincia tan multicultural é parte do caldo para que a Rede sigue medrando física e dixitalmente, xerando plataformas de aprendizaxe con milleiros de profesionais conectad@s en todo o mundo.
Centos de proxectos ás costas están no reencontro deste 2025 na RMPL e os plans para recolocar o foco na nosa forma de mirar, sucédense. A cita máis inmediata este luns, 20 de outubro desde as 10:30h cun curso de teatro aplicado á saúde mental.

Aproveitando que o Pazo de Tor conta con ese espazo museístico que nos leva pola vida tralos labirintos mentais, Adriana Ozores e Laura Duhalde de Aescenatumejortú, ofrécennos Un fío para saír do labirinto, unha intervención artística para axudar a resolver conflitos, reducir o estrés e potenciar a autoestima. Unha oportunidade única para explorar o potencial da arte escénica como unha estratexia de resiliencia e cambio. Inspirado no mito de Ariadna e Teseo, este obradoiro no Pazo de Tor emprega a metáfora do labirinto para guiar ás participantes a través dos seus propios desafíos.
Como parte da apertura desta actividade presentarase unha nova peza da artista, Violeta Bernardo, titulada Perdida no labirinto, que se incorpora ao proxecto Soterradas. Mantense a constancia para poñer voz e corpo ás mulleres a través da creación contemporánea.
Na celebración do 15 de outubro, promovida pola RMPL e a área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo insistouse neste compromiso de igualdade e de visibilidade. Entre os actos destacaba o recoñecemento ás mulleres protagonistas do proxecto Recolectoras: Memoria e Terra, cuxas historias de vida inspiraron as obras das artistas Ana Gesto, María Car, Isabell Seidel e Andrea Torres.
Como na totalidade das actividades da Rede, a cita deste luns para recoller o fío e saír do labirinto é gratuíta e está aberta a todas as persoas interesadas sen ser necesarios coñecementos previos de interpretación.
Interesante plan para mañá saír dos labirintos, o fío está aí.

Perdida no labirinto de Violeta Bernardo