HomeCulturaO grupo de saxos 'Mezzo Quartet' abre o ciclo 'Música no outono'...

O grupo de saxos ‘Mezzo Quartet’ abre o ciclo ‘Música no outono’ de Sober

Será este sábado, 15 de novembro, ás 19:30 horas no Centro Sociocultural da localidade e está organizado polas Xuventudes Musicais en colaboración co concello. Entrada de balde.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O vindeiro sábado, 15 de novembro, terá lugar en Sober a primeira actuación do ciclo Música no Outono, un programa que dende hai anos impulsa a entidade local Xuventudes Musicais en colaboración co Concello de Sober para achegar a música clásica e contemporánea á poboación da localidade e doutros concellos veciños. O concerto, de balde para todos/as, correrá a cargo do grupo de saxos catalán Mezzo Quartet.

Mezzo Quartet nace como cuarteto de saxofóns no 2017, dentro do Conservatorio Profesional de Terrassa, e dende ese momento os catro compoñentes manteñen amizade e paixón pola música de cámara. Está formado por Gisela Dekort Mesalles, saxofón soprano; Pol Del Moral Vargas, saxofón tenor; Juan David Toro Martín, saxofón alto e Pol Cabrera Praza, saxofón barítono.

MÉRITOS E PREMIOS

Obtiveron grandes éxitos tanto en competicións camerísticas como interdisciplinares tocando música clásica do século XIX e de compositores actuais, e teñen participado en festivais internacionais de gran renome no mundo do saxofón como o Festival Internacional de Saxofóns de Palmela (FISP) en Portugal.

No que respecta a premios, salientar: o Primeiro Premio da categoría de Cámara no IX Concurso Víctor Santos (Portugal, 2023), o Segundo Premio no Concurso Mocidades Musicais de España na 106ª convocatoria de Cámara (2023), o Primeiro Premio no 27º Concurso Josep Mirabent i Magrans (2023), o Premio Extraordinario de Música de Cámara do Conservatorio Superior do Liceo (curso 2022-2023), o Primeiro Premio no concurso Tribuna sax-ensemble (2022) que se celebrou en Madrid, o Primeiro Premio no Subimos ao Escenario de Mocidades Musicais de Sant Cugat do Vallès (2019), o Primeiro Premio no XIX Concurso Instrumental San Anastasi de Lleida (2019), e a Matrícula de Honra de Grao Profesional de Música de Cámara no Conservatorio de Terrassa (curso 2018-2019).

O PROGRAMA PARA O CONCERTO

‘Novas Resonancias’, programa do cuarteto, busca dar a coñecer a música de nova creación, mostrando todo o seu abanico de sonoridades e estilos. Xorde da colaboración con compositores actuais entre os que destacan Xavier Pagés e Daniel López, ambos españois.

Obras do programa para este sábado en Sober: XAS de Iannis Xenakis, Byoubu, de Xavier Pages, Divorce Op. 29 de Fazil Say, Mirall Trencat de Daniel López Pradas, Four5 de John Cage, e Rasch, de Franco Donatoni.

ÚLTIMAS

‘CARNABAR’, a nova e festeira ocorrencia do ‘Colectivo Vermut’

"Entroido en movemento" ou "Roteiro de Entroido", así se podería definir o CARNABAR, unha...

CSIF alerta da situación da presa de Vilasouto, no Incio

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), vén de denunciar a "alarmante situación...

2,5M€ para mellorar as estradas da provincia

En Sober adxudicouse á empresa Fevisa Vías y Obras SL a mellora de sete...

Celebración do ‘Xoves de Comadres’ en Monforte

Nun día de tregua no que a choiva se refire, as rúas do centro...