A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, deron a coñecer o Programa de Actividades para este Nadal 2025-2026. A programación comeza este venres co acendido das Luces de Nadal a cargo do Alcalde, José Tomé, que premerá o interruptor da iluminación festiva ás 18.30 horas xunto á figura da árbore de más de 20 metros de altura situada na rúa peonil do Cardeal. O dispositivo ornamental desde ano estenderase por 67 rúas do municipio con 265 arcos, 7 mensaxes de ‘Bo Nadal’ nas entradas da cidade e 1,2 millóns de luces LED, cun orzamento total de 57.000€. O alumeado navideño funcionará todos os días, desde o venres 5 de decembro, en horario de 18.30 a 02.00 horas e apagarase o martes 6 de xaneiro, Día de Reis.
O Mercado de Nadal celebrarase a fin de semana do 20 e 21 de decembro nas instalacións da Praza de Abastos. “Este mercado fusiona o comercio coa animación e o lecer e conta coa súa propia oferta de ocio, animación e gastronomía, dirixida a todos os públicos”, indicou Doutón. Avanzou que este ano, o Mercado contará con 16 postos de venta, nos que o público poderá atopar agasallos, produtos gastronómicos, chocolate quente e doces. Ademais, durante as dúas xornadas haberá obradoiros artesanais para nenos e nenas ás 12.00 horas, e pola tarde, ás 18.00h, espectáculos dirixidos ao público familiar coa participación de Peter Punk o sábado, e Brais das Hortas o domingo.
Outro dos eventos destacados do Nadal na cidade do Cabe é o ciclo de Concertos na Rúa a cargo de grupos monfortinos, que terán lugar na rúa Cardeal, ás 20.30 horas. O 26 de decembro actuará Deloreans, e o 2 de xaneiro, Malenne.
A Concelleira de Cultura fixo un repaso polas actividades culturais destas festas, comezando polo Concurso de Beléns dirixido a todos os centros de ensino da cidade. Os máis pequenos da casa poderán participar tamén no tradicional Certame de Poesía Infantil ‘Nadal 2025’, que convoca a Biblioteca pública municipal. Ademais, e como ven facendo nos últimos anos, José Antonio Dávila montará un belén galego-árabe na Casa da Cultura Lois Pereiro, que poderá visitarse desde o 9 decembro do 2025 ata o 9 de xaneiro do 2026.
O TEATRO ten especial protagonismo neste programa, con 4 propostas, todas gratuitas, que se desenvolverán ao logo do mes de decembro:
- Xoves 11, 20.30 horas, Edificio Multiusos. “María Visitación Consolación Amadora”, da compañía Loia Produccións. Dirixida ao público adulto.
- Sábado 20, 20.30 horas, Casa da Cultura. O grupo monfortino Viraventos presentará a súa última obra “O boleto”. Esta actuación está dirixida a todos os públicos.
- Martes 23, 18.00 horas, Casa da Cultura. Os máis pequenos poderán desfrutar co espectáculo “Nadal en prácticas”, de Lalá Teatro.
- Venres 26, 18.00 horas, Casa da Cultura. O público infantil poderá asistir á obra “O ladrón de xoguetes”, que trae a compañía Títeres Cachirulo.
Outra das citas tradicionais do programa de Nadal do Concello de Monforte é a Mostra de Panxoliñas para Centros de Ensino, que chega xa á súa 25 edición, e que terá lugar no Edificio Multiusos o xoves 18, ás 18.00 horas. Do mesmo xeito, o Festival de Nadal do Conservatorio Municipal de Música será tamén no Multiusos, o venres 19, ás 20.00 horas, a cargo do alumnado e persoal docente do centro. Non faltará a súa cita cos nenos e nenas monfortinos o Apalpador, que visitará as rúas da cidade e a zona dos mercados da Praza de Abastos durante a mañá do mércores 24 de decembro.

O Concerto de Corais de Nadal será o sábado 27 decembro, ás 19.00 horas, na Igrexa Nosa Señora da Antiga (colexio dos Escolapios) coas actuacións da Coral Polifónica de Chantada e da Coral Polifónica do Concello de Monforte. O luns 29 de decembro ás 20.00 horas, a Casa da Cultura acollerá un Recital Lírico coa soprano Emilia Pérez, o pianista Lucas López e o barítono Carlos Enrique, nun concerto organizado pola Sociedad Filarmónica, en colaboración co Concello de Monforte.
Xa na recta final do 2025, o día 30 estará dedicado ao público familiar co espectáculo de teatro infantil musical “A fantasía do Nadal”, a cargo de María Faltri. A cita é na Casa da Cultura Lois Pereiro, ás 18.00 horas.
Estreado o 2026, o martes 2 de xaneiro, será tempo para o humor, co show “A caída!”, de Pepo Suevos, ás 20.00 horas na Casa da Cultura. O Concerto de Ano Novo será o mércores 3 de xaneiro, coa Orquestra Kv2211 de Vigo, organizado pola Sociedade Filarmónica de Monforte, coa colaboración do Concello. Será no Multiusos, ás 20.00 horas.
Cabalgata de Reis
O luns 5 de xaneiro chegarán os Reis Magos á Monforte, unha das datas máis queridas e esperadas polos máis novos da familia. As Súas Maxestades chegarán á estación do ferrocarril ás 17.25 horas. O desfile das Carrozas Reais e da súa comitiva sairá ás 18.30 horas dende a Praza da Estación ata chegar a Casa do Concello, na praza do Campo de San Antonio, enchendo de ilusión e fantasía as rúas da cidade.
A lectura do discurso a cargo dos Reis Magos dende o balcón da Casa Consistorial está previsto para as 19.30h, e posteriormente farase recepción oficial cos nenos e nenas na planta baixa do Concello.
O colofón a este amplo e variado programa chegará o martes, 6 de xaneiro, DÍA DE REIS, coa Misa e Concerto de Reis a cargo da Coral Polifónica do Concello de Monforte. Ás 11.00 horas, na igrexa do “Hogar San José. Hermanitas de los Ancianos Desamparados”.
Tanto Marina Doutón como a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, remataron a presentación animando aos monfortinos e monfortinas a participar nestas actividades, desexando unhas boas festas a toda a veciñanza.

