A nova sala, que se vén de abrir, recolle elementos relacionados coa historia e os profesionais do ferrocarril, entre eles os mobles da antiga oficina do ferroviario Amancio Ortega. O pai do fundador de Inditex traballou un tempo no depósito de vapor de Monforte, trasladándose máis tarde á Coruña, onde se xubilou. Tamén se amosan maquetas de trens a escala, farois, uniformes de distintas épocas e billetes antigos xunto con documentos históricos.
O Museo do tren de Monforte exhibe unha colección de trens antigos, incluíndo locomotora de vapor, diesel e eléctricas, así como coches de pasaxeiros e vagóns de carga que datan dos séculos XIX e XX, ofrecendo un completo percorrido pola historia do ferrocarril de Galicia.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou da inauguración deste novo espazo expositivo e presidiu a reunión do padroado, que aprobou un orzamento de 200.000€ para o 2026. A Xunta é a Administración pública que achega maior financiamento ao Padroado da entidade, do que tamén forman parte as Deputacións Provinciais de Lugo e Ourense e o Concello de Monforte de Lemos
Arias subliñou “a progresión de visitantes que experimentou o Museo nos últimos anos, que se reflicte nos ingresos pola venda de entradas, e que xunto coa colaboración administrativa permite seguir ampliando a oferta do centro”.

