Xosé Gago, coñecido activista e xestor cultural afincado na Pobra do Brollón, vén de editar un poemario coa editorial Laiovento. O autor nútrese da súa experiencia no eido da xestión do patrimonio en comunidade, principalmente no devandito concello.
“O poemario está atravesado por unha reivindicación do comunitario, das redes de coidados e da veciñanza como elemento de resistencia”, comenta Gago.
O POEMARIO
O volume nace tras anos intensos como técnico de Cultura no Concello da Pobra do Brollón e da reflexión a partir do seu propio traballo, experiencias vividas e aprendizaxes. Destaca a capacidade de creación de imaxes potentes a través de poemas curtos.
Estrutúrase en varios capítulos. O capítulo central, “Ribeiranas”, está inspirado na experiencia profesional e persoal de Gago nas ribeiras do Sil en Trasmonte. Neste lugar participou no proxecto de xestión comunitaria do patrimonio Adegas da Memoria e acabou por facerse con viñedo. Así, a ribeira e o mundo da viticultura tradicional teñen un espazo esencial no poemario.
Agora, eu cariota conta cun prólogo da poeta Susana Sánchez Aríns e unha nota na contraportada do tamén poeta Xosé Mº Álvarez Cáccamo. Está nas librarías dende o 17 de decembro baixo o selo “VentoAlto”, da colección de poesía de Editorial Laiovento.
PRESENTACIÓNS DA OBRA
O pasado 18 de decembro houbo unha en Compostela, no café-bar Garum. O autor estivo acompañado por Xosé Mº Álvarez Cáccamo, a regueifeira Alba María –quen musicou algúns dos poemas– e a actriz Melania Cruz no recitado.
A segunda será en Trasmonte (Vilachá de Salvadur) este domingo 21 de decembro ás 13:00 horas no Furancho O Currio. Nesta ocasión o autor estará acompañado de Susana Sánchez Aríns e anímase ás asistentes a levar instrumentos para facer foliada ao remate. Xentileza do autor, servirase un viño da ribeira do Eivedo aos presentes.

