A primeira cita será este venres 6 ás 20:00 horas, coa presentación da novela de intriga Conmigo muere tu secreto, o terceiro libro do autor monfortino Fernando Hernández González. O argumento vira ao redor da confesión que o protagonista realiza cando xa é ancián dende nunha residencia para a terceira idade, nos difíciles tempos do Covid. A acción desenvólvese en dous escenarios: en O Barco na década dos 50, que é cando suceden os feitos que foron ocultados, e Monforte en 1991.
Conmigo muere tu secreto é a terceira novela de Fernando Hernández, tras publicar Juguetes de lo desconocido e Gotas de esperanza. Graduado en Criminoloxía, o autor compaxina a escritura co seu posto de policía local no Barco de Valdeorras.
A segunda presentación será o libro Mariposas amarillas de Eva Cabanelas Dopazo, o vindeiro venres 13 de marzo ás 20:30 horas.
A ourensá Eva Cabanelas é doutora en Veterinaria, profesora de Ciencias e divulgadora científica. Mariposas amarillas é un relato íntimo e reflexivo que percorre as etapas máis significativas da vida da autora. A autora constrúe así un mosaico de experiencias persoais, familiares, académicas e sociais, ofrecendo unha mirada honesta sobre o seu proceso de autodescubrimento e a súa evolución como muller e profesional. Ambas presentacións son na Casa da Cultura ‘Olga Novo’, de entrada libre.

