HomeCulturaO filme documental “O Son da Serra” comeza este 14 de novembro...

O filme documental “O Son da Serra” comeza este 14 de novembro en Taboada as proxeccións pola provincia

O Son da Serra que vén de recibir o Premio do Xurado á Mellor Película Galega (Longametraxes) na última edición do Festival de Cine de Lugo, chega a 5 concellos da provincia grazas á colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

“O día 14 de xullo de 2022 comezaba a arder a serra do Courel e o 17 de xullo, de noite, comezamos a gravar. Non sabiamos que chegabamos no peor do incendio, na fatídica xornada do domingo na que o lume adquiriu dimensións decoñecidas ata entón en Galicia”.

O Son da Serra, Cando O Courel derramou bágoas de cinsa é o filme documental sobre a Serra do Courel e o incendio que padeceu no verán do 2022. Este incendio foi a presentación en Galicia dos incendios convectivos de sexta xeración. Durante dúas semanas arrasou case 13.000 hectáreas, principalmente nos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Quiroga, obrigando a desprazar a máis dun milleiro de persoas no que era o maior incendio da historia de Galicia ata que chegou agosto do 2025.

Nesta ocasión o filme documental proxectarase no concello de Taboada o 14 de novembro, no concello de Samos o 19 de novembro, na Pobra do Brollón o 27 de novembro, en Vilalba o 3 de decembro e o 11 de decembro no concello de Quiroga.

As proxeccións dunha hora 10 minutos de duración estarán seguidas dun coloquio guiado pola xornalista e directora do documental, Ana Belén Fernández, e coa participación do equipo e das persoas que portagonizan o filme. No concello de Taboada contarase con Felipe Castro López, axente ambiental e veciño da Salcedo. A cita o sábado, 14 de novembro, ás 20:00h no Cuartel Vello de Taboada grazas á colaboración da concellaría de Cultura.

A actividade con entrada libre e gratuíta servirá para facer unha recollida de datos sobre as propostas e inquedanzas que ten a poboación do rural sobre o seu futuro e este tipo de incendios, moi vinculados coas circunstancias climatolóxicas e co progresivo abandono dos nosos montes e campos.

O Son da Serra son as voces das persoas que nos levan polo vivido naqueles días e dalgún modo, as de todas as persoas que padeceron este desastre natural e vital. Son unha homenaxe a cada veciña e veciño da serra, unha reconciliación e unha posta en valor do que este territorio significa.

Entre as voces das persoas que viviron o incendio do Courel do 2022 atopamos a veciñas e veciños, rexedores locais e unha representación do servizo de extinción de incendios da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que facilitou importantes imaxes deste incendio. 

O documental é froito da colaboración do fotógrafo, Emilio Romanos Castiñeira e Némesis Audiovisual coa dirección de Ana Belén Fernández Fernández e Paulino Rodríguez Fierro Cadórniga e a BSO de Ale González.

ÚLTIMAS

A loita contra a desinformación chega a Chantada este 14 de novembro

Este xoves, 12 de novembro, a alfabetización mediática do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia...

‘Saborea e Canta o Outono’ na Praza de Abastos de Monforte

A delegación da zona sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo...

“Capinurí” da cineasta monfortina, Fátima Doado, seleccionado no festival PÖFF Shorts de Estonia

A curta documental, rodada na Amazonía peruana e realizada de forma independente, competirá nunha...