HomeCulturaConta atrás para o Festival 17º Ribeira Sacra

Conta atrás para o Festival 17º Ribeira Sacra

Esta mañá presentouse a segunda edición deste singular festival que combina música con paisaxe, patrimonio, gastronomía e viño. Terá lugar en diferentes localizacións da Ribeira Sacra a fin de semana do 27 ao 29 de xullo e a do 4 e 5 de agosto.

Publicado o

- Advertisement -

O embarcadoiro de Doade foi o escenario onde o director do festival, Carlos Montilla e as diferentes autoridades deron a coñecer á prensa as intencións e as expectativas para a edición deste ano. Acompañando a Montilla estiveron Darío Campos, Presidente da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal, Delegado de Turismo e Cultura da Deputación, José Tomé, Alcalde de Monforte, Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas, e Luís Guitián, alcalde de Sober.

Todos en xeral insistiron no éxito acadado polo festival o pasado ano, primeira edición, e recoñeceron a calidade e repercusión que tivo como reclamo turístico e posta en valor da Ribeira Sacra. Carlos Montilla dixo ter claro dende o primeiro momento que este proxecto, no que prima máis a calidade que a cantidade, tería éxito nun público que demanda propostas novidosas e alternativas fóra dos festivais convencionais e que se concentran nunha soa localización. Segundo referiu, este tipo de evento ten un impacto económico diversificado ao ter varios escenarios e provocar que a xente que veña de fóra se mova pola Ribeira Sacra e incluso alongue a estancia varios días. Comentou tamén que a idea esperta xa interese a nivel nacional para levala a outros lugares e que incluso artistas a nivel nacional e internacional contactaron coa organización para ofrecerse a participar.

Presentación do Festival 17º Ribeira Sacra. Intervención de Carlos Montilla. Foto GC

Este ano pasan de dous a seis os concellos que participan, o festival transcorrerá en dúas fins de semana e algúns dos escenarios serán por exemplo o Mosteiro de San Estevo, a Reitoral de Gundivós, o Castelo de Castro Caldelas, o Parador de Monforte ou o Miradoiro de Santiorxo; Chantada, os catamaráns do Sil e algunhas adegas tamén serán protagonistas de diferentes actuacións. En total serán 12 escenarios nos que participarán 22 artistas da talla de Coque Malla, De Vacas, Ses, Elvis Perkins, Ghost Beast, Gloria, Ten Fé, Woods ou Holly Miranda, entre outros.

Montilla rematou a súa intervención con agradecementos para a Deputación de Lugo, principal patrocinador, pola “confianza cega” amosada o pasado ano ao crer neste novidoso e orixinal festival, aos concellos que repiten e aos que se suman formando parte na edición deste ano e finalmente aos patrocinadores.

Como anécdota destacar que Castro Caldelas é o único concello que colabora da provincia de Ourense e comentouse no acto que era unha mágoa que a Deputación de Ourense non se implicara no 17º Festival Ribeira Sacra.

ÚLTIMAS

O músico Sergio Alba presenta “Dous rombos… pasa para a cama!”

O vindeiro 17 de abril, o intérprete con alma de cómico Sergio Alba, presenta...

Prohibidas as queimas forestais e agrícolas de particulares

Quedan fóra da prohibición as queimas prescritas que executa o Servizo de Prevención e...

Ata o 25 de abril pódense solicitar as axudas para a colleita en verde

Estas axudas están dotadas cun orzamento de 600.000€ do Fondo Europeo Agrícola de Garantía...

O Multiusos de Monforte acolle este 10 de abril a representación de “Mulleres que viven soas”

Representarase a obra, Mulleres que viven soas, da compañía Berrobambán, obra escrita por Paula...