O Festival 17º Ribeira Sacra terá lugar do 18 ao 21 de xullo en espazos e lugares emblemáticos de Monforte de Lemos, Chantada, Sober. A Deputación fai unha achega de 25.000 euros o que a converte na principal administración colaboradora, “por tratarse dunha oportunidade única para impulsar o turismo, xerar emprego e crear riqueza, non só no sur da provincia, senón en toda a provincia”. O Concello de Monforte de Lemos achega de 5.000 euros. Tamén colaboran o resto de municipios onde se celebra o festival, así como o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, AGADIC e Galicia Calidade.
O17º Ribeira Sacra mestura a música de artistas internacionais coa promoción patrimonial, natural, vitivinícola e gastronómica dos establecementos da zona. Agárdase que reúna a preto de 4.000 persoas, xerando un volume de negocio duns 400.000 euros ao tempo que xerará uns 70 postos de traballo, directo e indirecto. Tal e como aconteceu na edición anterior, agárdase acadar o 100% da ocupación hoteleira na zona.
Cartel variado e para todo tipo de públicos
O director do Festival, Carlos Montilla subliñou que “é un cartel moi variado, dirixido a todo tipo de públicos e gustos, sobre todo para as familias”. O arxentino, Kevin Johansen, é un dos artistas máis interesantes da música latinoamericana nas últimas décadas. De nai arxentina e pai norteamericano, Johansen viviu nos dous extremos do continente americano e a súa música nútrese de influencias de ambas as partes. Pop, rock, canción popular latinoamericana e cumbia mestúranse nas composicións dun artista que leva a mestura cultural á súa máxima expresión.
Enric Montefusco foi un dos fundadores e líder da banda barcelonesa Standstill en 1997 e desde a súa desaparición en 2015 xa gravou dous discos en solitario. A súa traxectoria musical caracterízase polo risco e na súa nova etapa en solitario afastouse dos estándares do indie para apostar por un achegamento aos ritmos máis populares.
A mestura cultural tamén está moi presente en Marem Ladson, artista nada en Ourense, no 2017 dá un paso importante na súa carreira ao gañar o concurso de bandas emerxentes do festival DCode. No 2018 presentou o seu disco de debut homónimo, cheo de cancións pop coloridas con influencias do folk, e xa houbo ocasión de vela no Festival 17º Ribeira Sacra dese ano cando realizou unha actuación sorpresa para un público moi reducido a bordo do catamarán.
Os interesados en mercar as entradas dos diferentes paquetes por días que se ofrecen para o evento poden facelo a través da web www.festivalribeirasacra.com.